post

poñelas ou botalas?

Non me preocupei de buscar datos estatíscos que o avalen, pero creo que na meirande parte do país as patacas bótanse. Á xente de Cachóns, en cambio, sóanos raro iso de botar as patacas, porque para nós as patacas póñense.  E postas quedaron as da miña casa o sábado pola mañá.

O froito destes poucos regos recollerémolo en agosto. Antes, posiblemente a finais de maio, xa se empezarán a consumir as patacas de cedo, que a estas alturas medran a bo ritmo na horta.

[e xa se sabe o que pasa coas patacas:
cando veñen as novas, xa ninguén quere as vellas]

Mentres as patacas ían quedando no rego, as campás avisaban do cabodano dun home que moitas patacas debeu poñer na súa vida. Tocaban por Gundín, o xornaleiro.

post

mans de terra

xúroche que foi unha semana longa longa
tan longa que case interminable

e as miñas mans

estas mans que aporrearon mil teclados
e executaron a orde de arquivar
absurdos papeis superimportantes
en carpetas recicladas

estas mans que tamén estreitaron
outras mans astutamente ofrecidas
por sorrintes fenicios que venden grampadoras
e post-it
e produtos que borran a tinta
[por cada tres caixas mándoche unha sen cargo, eh]

manciñas que moveron cadeiras e mesas
cadeiras veñen
mesiñas van
cadeiras veñen e van

pero hoje é sábado, amanhã é domingo

e as mans xa devecían
esperaban con ansia que chegase o sábado
xusto este sábado
para ser por fin de terra

e de terra os meus dedos que aloumiñan a fariña

a masa está a levedar
nunha hora haberá pan da cor da terra
pan de terra para empezar o día

amén

post

porquiño porque si

bebe tranquilo, que este é viño da casa e non che ha facer mal  :: e come chourizos, home, que o quiniño fartouse de comer verdura un ano enteiro  :: se viras de que carniña tan escollida os fixemos… :: pero, iso si, hai que pasar moitos traballiños, que as cousas non veñen sen traballar

post

arancini

A semana pasada presenteivos a Vincenzo, un mozo siciliano que decidiu vir estudar a Silleda un ciclo medio de formación profesional. Hoxe volve Vincenzo para preparar uns saborosísimos [e contundentes] arancini na cociña do Restaurante Devesa, en Graba (Silleda).

Vémolo en Vimeo [aproveitando que somos usuarios PLUS dese portal]

Este vídeo tamén se pode ver no YouTube [ver aquí]

PS/ Oín por aí que Zeltia [a blogueira que perdeu parte do xuízo por obra dunhas tenazas] fixo fotos duns boliños ben xeitosos e non pouco literarios. Se por un azar ve isto, dona Zeltia, faga o favor de ilustrarnos ao respecto.
post

filloíñas con tabasco

Como di sempre A Contramuleta, tomando prestadas as palabras de Eugenio D’Ors, todo o que non é tradición é plaxio.

post

porca miseria

Viaxabamos desde Dumbría ata o Pino do Val. Vímola ao lonxe, apostada á beira da estrada. Cando nos achegamos, estirouse e fíxonos moitos acenos para que parásemos. Era unha muller moi entrada en anos, pequena, miúda.

-Ai, filliños, non sabedes o favor que me facedes. Se non pararades, ai, aínda tiña que zapatear varios quilómetros ata a casiña…

[A súa cara consumida, as roupas escuras, as mans curtidas e aínda fortes que se aferraban ao asento de diante]

-Veño do médico, ho. Teño a tensión mal e díxome que teño que quitarme da carne de porco para sempre. Non sabedes que pena sinto, que a carniña de porco é a cousa que máis me sabe deste mundo...

post

empanada de que

padrón :: unha tasca de padrón :: un camareiro desganado detrás da barra dunha tasca de padrón

e unha tele que berra a toda hostia [e iso que aínda non se inventou telecinco nin existe belén esteban -esa musa, ai!]

un fato de mozos na tasca de padrón diante dunhas cañas :: queren máis, sempre máis, e miran con cobiza a empanada do mostrador

interrogan ao camareiro desganado :: oes, de que é a empanada

-pois… a ver… levaaaaa… leva cebola… e… chhhh… bueno, xa sabedes como son as mulleres…

post

guisos de cores

Cores, sabores, recendos, memoria…

post

Cabra vella

Nuns sitios chámanlles cacharelas, noutros dinlles luminarias e para nós son cabras vellas. Fogueiras da noite de San Xoán. Que ardan con xenio e que non deixen de arder, que hai moito que queimar!

post

Leituga

A primeiros de xaneiro poñían a andar a sementeira [aquí] e a estas alturas, pouco máis de dous meses despois,  Esther e Pedro poden presumir de ter unha plantación de leitugas ben farturenta.

PD/ Quero dedicarlle este vídeo a Merchi, coa seguridade de que pronto se recuperará e voltará voar coma unha anduriña.

post

Centeo

Quedaba na casa un paquetiño dunha excelente fariña de centeo.  Xa se sabe que para un só dá algo de preguiza cociñar, así que aproveitei a visita de Eliseu para preparar dous almorzos xeitosos: un panciño e unhas filloíñas. Parece que lle souberon; polo menos, con fame non marchou.

post

Iván debuta

Como manda a tradición, rematamos o curso cunha cea. Saboreados os postres e xa en plena tertulia, aproveitou Iván para ir pola cámara e recoller unhas imaxes.