post

cianuro e ouro en corcoesto

Resulta que hai ouro en Corcoesto, no concello de Cabana de Bergantiños. E resulta que, por fortuna, tamén hai unha empresa disposta a extraelo. E resulta que esa empresa, mira ti, vai crear centos de postos de traballo para a xente da zona. Diríase, a teor disto, que a providencia divina fixo xustiza con esas sufridas e humildes xentes da Costa da Morte [véxase, por exemplo, este artigo de El Correo Gallego] nunha enésima reedición do conto da leiteira. Pastillita y a dormir!

Onte estiven nun acto do que seguramente non falarán os xornais. Un acto tan subversivo que a algunha persoa das que asistiron lle acarreará probablemente consecuencias desfavorables. Un acto ao que sabemos que non acudiu moita xente por medo a ser etiquetada de rebelde, díscola ou desafecta [e iso non mola]. E quizás mellor lles foi quedaren na casiña facendo os seus labores ou dando un paseo arredor das interminables fincas de millo forraxeiro, porque se, desafiando a finísima tea de araña caciquil, tivesen feito acto de presenza na Casa dos Veciños do Couto habían quedar tan noqueados coma min, ou máis, ao ir vendo en pantalla os datos que a propia empresa adxudicataria da extracción do ouro comunica no seu plan de explotación. Recoméndovos encarecidamente que, se tedes un minutiño dispoñible, vos acheguedes a esta ligazón e vexades a presentación completa. Aí vos enteraredes, por exemplo, de que para extraer o ouro de Corcoesto será necesario utilizar diariamente case tonelada e media de cianuro, cantidade suficiente para envelenar 2’7 veces a poboación galega!

Non sei a vós que vos parecerá, pero creo que este conto da leiteira tamén ten algo de truco… e demasiado cianuro!