post

videoghit

O zapato pide media,
a media pide zapato

O mesmiño que di a copla foi o que pasou entre Suso (EtiColmeiro) e Uxío, meu irmán. Os dous son dispostos, traballadores, imaxinativos e decididos. Tan só era cuestión de tempo que aparecese un proxecto no horizonte que lles permitise poñer en común o seu talento. E a ocasión presentouse co Videoghit, un certame de creación audiovisual impulsado desde EtiColmeiro.

Suso andaba a planear a gala de entrega de premios e pensou nuns trofeos diferentes aos que habitualmente se mercan para tales eventos. O que quería Suso era que estivesen feitos con materiais reciclados, con pezas que xa cubriron o seu ciclo de uso e que van dar ao lixo.

E o Uxío podería facer algo diso?

Falei con Uxío e amosou a súa disposición a colaborar. Minto, porque non lle podo chamar disposición ao que percibín realmente como entusiasmo. Uxío é mecánico: Vou facer uns trofeos con pezas de motor desas que tiramos no taller. 

Uxío púxose a traballar [ver vídeo] nos sete trofeos que se lle pediran, e xa os ten listos unha semana antes do día da entrega de premios. Comprobei tamén que Suso xa ten pechada a programación da gala coa mesma antelación. O que dixen antes: Uxío e Suso, tal para cal.