post

despois de xantar

Onte probei por primeira vez as prestacións dunha cámara fotográfica réflex en modo vídeo.

Foi despois de xantar. Día soleado, temperatura agradable, unha horiña libre por diante: a ocasión propicia para coller a cámara e obter información de primeira man das posibilidades que ese trebello lle pode ofrecer a calquera persoa aficionada á imaxe en movemento. A cámara é unha Canon EOS 60D, que ofrece uns moi respectables 18 Mpx en modo foto e calidade Full-HD (1920 x 1080 píxeles) en vídeo.

A gravación que ofrezo está feita con imaxes recollidas onte en Cachóns e Silleda nas horas propias da sobremesa e da sesta. Sería por iso que escollín unha nana como complemento musical?

Nota: poñelo en HD, aínda que haxa que deixalo cargar para velo sen cortes!

En Vimeo:

[vimeo 23301578]

En YouTube:

post

JDownloader, un gran multiusos

No artigo anterior expliquei o método que sigo para descargar o audio dos vídeos de YouTube. Non me referín á descarga dos vídeos completos, porque para ese mester hai xa moitas solucións, pero nun dos comentarios pídenme que me ocupe tamén desa cuestión. Sexa, pois.

Se o que queremos é tan só descargar vídeos do portal de YouTube, o remedio máis simple é instalar un complemento que trae o navegador Mozilla Firefox chamado Download Helper. O camiño para habilitalo sería ir á Barra de menús –> Ferramentas –> Complementos –> Obter complementos.

Unha vez instalado o Download Helper, e despois de reiniciar o navegador, aparecerá o icono que sinalei coa frecha vermella. Normalmente terá esa apariencia gris, pero só fará falta que reproduzamos un vídeo para que se active. Daquela facemos clic no trianguliño invertido que ten á súa dereita e xa nos permite realizar a descarga. Sinxeliño de todo e sen necesidade de ter instalado ningún programa.

De todas formas, creo que as solucións máis utilizadas son as aplicacións específicas, tipo aTube Catcher. Descargámolas de internet, instalámolas e punto. Son moi prácticas, pero a min pídeme o corpo propor aquí algo diferente, máis potente e versátil. O meu candidato é JDownloader. Este programa non está deseñado especificamente para YouTube, senón para xestionar as descargas de quen temos conta de Megaupload, Rapidshare e similares [ese pracer de descargar unha peli en minutos, uffff!]. Con este propósito o instalei no seu momento, ata que un día comprobei que me descarga vídeo de moitas fontes: YouTube, Dailymotion, VimeoMetacafe. E non queda aí a cousa, porque tamén descarga audio de portais tan tentadores como Goear [intenta descargar audio de Goear doutro xeito e verás que non hai maneira].

Empezaremos descargando o JDownloader, por exemplo aquí. Instalámolo nun santiamén e xa estamos listos para descargar. Tede en conta que as descargas alóxanse por defecto nunha carpeta que está en Arquivos de programa\JDownloader\downloads. Pódese modificar esa ruta na opción Settings, e creo que non é mala idea facelo para fixar unha localización máis facilmente accesible.

Como descargo? Abrimos JDownloader [se é a primeira vez, agardamos pacientemente a que faga as actualizacións precisas] e despois imos a YouTube e buscamos un vídeo. Abrímolo e copiamos o seu enderezo [se temos dúbidas, prememos na opción Compartir e copiamos o que alí nos aparece]. Non é preciso que o vídeo se execute nin sequera que se cargue por completo.

Imos ao JDownloader, agardamos un anaquiño e atoparemos un panel semellante ao que recolle a imaxe: a opción Linkgrabber está activada e a ventá amosa as versións nas que está dispoñible o vídeo. Propoño que as descarguemos todas e xa escolleremos despois de velas. O único que temos que facer é premer co botón dereito sobre calquera elemento da ventá e escoller Continue with all. Pode que apareza despois un aviso para que lles deamos a nosa conformidade ás condicións do servizo; aceptamos e máis nada. Agora só hai que darlle uns minutos ao JDownloader e teremos as descargas no papo.

Podes facer a proba cos portais de vídeo que citei e verás o ben que funciona. E o que fai co Goear, un servidor de audio moi completo, é a guinda. No caso de Goear, a ligazón que debes copiar atoparala dentro dunha caixiña que leva o enunciado Comparte el enlace con el mundo.

Xa que pagamos a ADSL ou o cable, polo menos que dea rendemento, ou que?

post

descargando audio de YouTube

Gustaríame que me dixeras onde podo atopar a música [do vídeo “Xaneiro Xa”], que a quero levar no meu carrinho chof-chof. Esta petición formulouna onte Áptera nun comentario que puxo no blogue. E como non deixa máis nada, nin sequera correo electrónico, dareille aquí e agora cumprida resposta.

O de descargar música é un mundo. Hai moitas aplicacións, moitas webs e moitos servizos dirixidos a satisfacer esa demanda. A miña achega vai consistir en describir o procedemento que sigo para descargar o audio dos vídeos de YouTube por medio dunha web específica.

O primeiro, evidentemente, é entrar en YouTube e seleccionar o vídeo que nos interesa. Teremos que ter o seu enderezo URL. Se non o vemos ou temos dúbidas, basta con pulsar o botón COMPARTIR (debaixo da consola de reprodución de YouTube) e xa nos aparece seleccionado. Por exemplo, a URL do vídeo Xaneiro Xa é esta: http://www.youtube.com/watch?v=bvrvWDVNyHM. Unha vez localizado e seleccionado, copiamos o enderezo [botón dereito –> Copiar ou Ctrl+C].

Agora temos que abrir outra páxina web, que é onde faremos a descarga: www.vidtomp3.com. Navegamos un pouquiño por ela e atopamos unha caixa que vai encabezada por este enunciado: Enter Video url below to convert into MP3. Pegamos nela o enderezo de YouTube [botón dereito –> Pegar ou Ctrl+V], seleccionamos a calidade de saída que nos interesa (alta ou normal) e facemos clic no botón Download.

Agora pasarán uns segundos e aparecerá unha ventá co link Download mp3. Pinchámolo e xa chegamos ao último chanzo, que vai ser unha ventá con varias opcións de descarga. Nós collemos a primeira, a que está debaixo do texto Click button below to Download MP3, pinchando o botón Download mp3. Agora só faltará decidir onde queremos gardalo… e máis nada.

A vantaxe deste procedemento é que non fai necesaria a instalación de ningunha aplicación específica. Só precisamos acceso a internet.

Se o probades, contade, ho!

post

jamendo?

Supoño que a maioría das persoas que algunha vez fixemos un vídeo e o subimos ao YouTube temos recibido o mesmo aviso no correo electrónico asociado á nosa conta, que máis ou menos reza así: Os dereitos da pista de audio que vostede empregou son propiedade da compañía XXX (UMG, WMG…). Hai veces nas que a advertencia queda niso, en mera advertencia, pero noutros casos padecemos un bloqueo total da pista de audio ou, cando menos, unhas molestas restricións de uso. Todo depende, segundo estou vendo, da entidade que teña a propiedade dos dereitos.

Buceei bastante pola rede para atopar remedios, pero conclúo que ningún é válido para todos os casos. Teño probado a cubrir o formulario de impugnación de YouTube e pensaba que era a solución definitiva, pero algunhas experiencias recentes desmentiron tan reconfortante hipótese. O mesmo podo dicir da opción de modificar a tonalidade ou a velocidade de execución do audio e, en xeral, de todas as alternativas que se me foron ofrecendo.

Que nos queda? O primeiro é descartar, se é posible, aos consagrados. Hai cousa de ano e pico quixen subir un vídeo con música de Bruce Springsteen, en homenaxe a unha gran fan do Boss, e os de YouTube déronme un brusco portazo nas napias. Cabreeime e pasei do vídeo. O mesmo lle pasou a Suso [boss tamén, pero de eticolmeiro] cando quixo dedicarlle ao noso Vincenzo un tema dos seus idolatrados Red Hot Chili Peppers. Polo tanto, parece prudente fuxir destes artistas superpopulares, porque detrás deles están tamén as grandes compañías, ávidas de botarlle a man á nosa faltriqueira.

Unha opción, postos xa a pensar en positivo, é a de aloxar os vídeos noutras plataformas máis flexibles. Recomendo Vimeo, un portal que ofrece moita calidade. Iso si, se queres exprimir as posibilidades que ofrece terás que pasar por caixa e facerte usuario PLUS.

Tamén hai algunhas vías abertas ás persoas que queren utilizar arquivos de audio sen problemas de copyright. No vídeo do meu último post –Solsticio– empreguei un tema musical descargado da web jamendo, que é un sitio no que se ofrece música de balde e legal. Dispón dun catálogo moi amplo e en constante renovación. Para música en galego temos un blog amigo, A regueifa, que non debemos pasar por alto

%d bloggers like this: