post

un berro de sede

Hai poucos días publiquei unha entrada que se titula nimbos. O post leva un pequeno traballo en vídeo no que xoguei con versos de Xosé Mª Díaz Castro, poeta no que ando mergullado esta tempada.

O vídeo de hoxe tamén incorpora textos de Xosé Mª Díaz Castro; versos que saben á auga limpa dos ríos e dos regueiriños, esa auguiña limpa que xa case non hai. Non a hai pero hóuboa, que eu ben me lembro!

[Infinita tristeza cando un se achega ao río Tella, un dos dous que pasan por Cachóns, e percibe o veleno, ole o veleno, ve como avanza -lenta e mortífera- a escuma do veleno. A neglixencia, o desinterese, a absoluta falta de sensibilidade alíanse para que o desastre non se deteña. Non ho, que o que importa é que poñan farolas…!]

O domingo fixen un percorrido por Cachóns, Laña, Eo dos Menecos e Vilanova, todos eles lugares da parroquia de Oza. Seguín o curso do río Santa Lucía, aproveitando os camiños abertos polos pescadores, e gravei as augas mansas, as augas tranquilas, as augas a cachón.

Nota/ O vídeo abre automaticamente con calidade HD. Se advirtes que a túa conexión non permite un visionado razoablemente fluído, fai clic na opción HD e desactívaa.

post

nimbos

Nimbos é o título dun espléndido libro de Xosé María Díaz Castro co que fun agasallado un 23 de abril de hai uns anos. Tardei en lelo, pero cando o fixen quedei deslumbrado. E agradecido.

O vídeo amañeino esta tarde, sen saber que unha persoíña querida estaba nese momento vivindo o cabodano da morte de seu pai.

Pois para ti vai, aínda que á deshora.

[vimeo 23501604]

Tamén en YouTube [aquí]

A %d blogueros les gusta esto: