post

lobishome

Non serei lobishome. Non serei vítima de lobishomes. Non serei un poli que persigue lobishomes. Non estarei na película: chego tarde ao casting.

E non tería estado mal ter ido á Casa da Cultura de Silleda ese 15 de xaneiro para saber que xente ía á selección, para indagar sobre as súas expectativas ou para curiosear de que xeito se mirarían entre eles…

Onte pola noite, mentres descargaba do móbil esta foto, lembraba que ese 15 de xaneiro fun por primeira vez á Cidade da Cultura, e foi co reclamo [ou co gallo, como di o admirado Luis Rrrrriallll] de asistir á primeira entrega do ciclo Ceo das Letras: conferencia de María do Cebreiro, dramatización de textos de Rosalía a cargo da compañía Casa Hamlet, con Manuel Lourenzo e Santiago Fernández, e viño con algo de picoteo antes de ir para a casiña coma un pepe.

O mellor? Os viños, faltaría máis… Púxenme nunha mesa coa miña copa e desde alí seguín o espectáculo: o conselleiro Varela, moi cool coa súa vestimenta cun puntiño casual, repartía, tamén copa en man, apertas e saúdos a velocidade de vértigo. Víase cómodo, aínda sabendo que naqueles poucos metros cadrados que compartiamos se concentraba un número non pequeno de persoas que pediran publica e reiteradamente a súa dimisión. Non parece, desde logo, un home tímido; máis ben encaixa no perfil dunha ex directora xeral de Educación que dicía de si mesma que era unha kamikaze comunicativa. Outro dos presentes, un intelectual chairego que si semella ser dos realmente tímidos, buscaba un viño e non se atrevía a pedilo. Nunha das mesas había un par de copas que tiñan toda a pinta de non ser de ninguén; mirou para elas, achegouse e case colleu unha, pero algo lle debeu pasar pola cabeza no momento decisivo que o levou a renunciar e a agardar a que algún dos camareiros fixese un voo rasante.

Antes de marchar funme despedir dun coñecido. Contoume que hai dúas situacións nas que ao conselleiro lle encanta que o pillen: tocando o piano e falando en alemán. Grande este Varela!

O sábado 29 volvo. Ese día a cousa xira arredor de Manuel Antonio, un auténtico miura.

post

mellor en voz alta

Non pensaba mercar nada, pero amortecía o ano e apeteceume entrar para desexarlle boas festas ao libreiro, amigo meu desde hai anos. Crucei por diante da caixa e vin que estaba no fondo do local. Cando non teño clientes quixo explicarseaproveito para abrir caixas e para revisar os albaráns. No chan había moreas de libros e revistas, coma sempre.

Falamos un pouco e dei en remexer distraídamente entre os libros que ían sendo liberados das caixas. Atopei varios volumes dunha fotobiografía sonora de Lois Pereiro [42 euriños!] e quixen botarlle unha ollada a un deles, pero traía un envoltorio de plástico, así que tiven que conformarme con velo por fóra. Despois foron aparecendo varios exemplares dun libro de Pereiro que eu non tiña, Poemas 1981-1991, reeditado moi recentemente por Edicións Positivas. Vexo que xa estás preparado para o 2011, ironicei mentres ía pasando as páxinas do poemario. Alzou a vista dos albaráns e sorriu. Iso agardo -retrucou-, sobre todo se nos centros de ensino lle mandan mercar algo disto á rapazada… Parolamos un pouco sobre o mercantilismo e o oportunismo asociados á celebración das Letras Galegas e bromeamos con algunhas piruetas bibliográficas que viron a luz en anos anteriores. Mira, Xosé, tal e como anda a cousa -e non vexas como se puxo para nós-, agradécese calquera iniciativa que tire da clientela e que nos permita ingresar uns euriños. Máis claro, auga.

Merquei o libro de Lois Pereiro e púxenme con el ao pouco de chegar á casa. Xa me dixera o libreiro que os poemas de Pereiro son para lelos en voz alta…

Terra e máis terra brava

brava mais maina e cruel

violenta, visceral,

secreta, infame, inmemorial,

amada, fole, a terra

anxel, fole e a morte

a morte anxel a morte

en ti

the end

post

arancini

A semana pasada presenteivos a Vincenzo, un mozo siciliano que decidiu vir estudar a Silleda un ciclo medio de formación profesional. Hoxe volve Vincenzo para preparar uns saborosísimos [e contundentes] arancini na cociña do Restaurante Devesa, en Graba (Silleda).

Vémolo en Vimeo [aproveitando que somos usuarios PLUS dese portal]

Este vídeo tamén se pode ver no YouTube [ver aquí]

PS/ Oín por aí que Zeltia [a blogueira que perdeu parte do xuízo por obra dunhas tenazas] fixo fotos duns boliños ben xeitosos e non pouco literarios. Se por un azar ve isto, dona Zeltia, faga o favor de ilustrarnos ao respecto.
post

un siciliano en silleda

Chámase Vincenzo, é siciliano e leva tres meses en Silleda estudando un ciclo medio de formación profesional. Xa lle vale, non si?

Eliseu fichouno para preparar uns arancini, evento do que daremos cumprida información gráfica dentro duns días, pero este cociñeiro trotamundos, extrovertido, hiperactivo e fuguillas dá para moito máis…

post

na cadeira do señor conselleiro

Unha visita guiada ao Parlamento de Galicia. O Conselleiro cedeume a súa cadeira.

post

amores secretos/2

A finais de agosto propuxen unha votación para designar a persoa que se debería encargar de comentar unha canción de El Fary. Esther de Cachóns e H empataron a 17 votos, pero renunciaron e non houbo volta atrás. Daquela botei man de Zeltia, a terceira clasificada, e aproveitamos un día que se desprazou ás terras do Ulla para darmos un paseíño ao sol e falar, entre outras moitas cousas, de amores secretos.

Zeltia non me prohibiu enfocar a cámara cara ela, nin moito menos, pero quedoume claro que preferiría que non saísen imaxes súas. Podería ter optado por montar un vídeo con outros elementos, pero finalmente decidín resolvelo tan só con audio.

Aquí quince minutiños da conversación con Zeltia:

https://ofalabarato.files.wordpress.com/2010/09/zeltia-opina.mp3

[E aquí a canción de El Fary, para contextualizar]

post

Léveme este unto!

Onte Falabarato estivo na Feira de Santos de Monterroso, evento ao que lle tiña gañas e ao que nunca tivera ocasión de asistir. E por alí vagaba, entre queixos, chourizos e cachuchas, cando apareceu Núñez Feijoo co seu séquito e uns reporteiros gráficos.

Se queres ver como xestiona o candidato popular estas situacións, vai aquí. Lembra activar a opción VER CON ALTA CALIDAD.