post

lobishome

Non serei lobishome. Non serei vítima de lobishomes. Non serei un poli que persigue lobishomes. Non estarei na película: chego tarde ao casting.

E non tería estado mal ter ido á Casa da Cultura de Silleda ese 15 de xaneiro para saber que xente ía á selección, para indagar sobre as súas expectativas ou para curiosear de que xeito se mirarían entre eles…

Onte pola noite, mentres descargaba do móbil esta foto, lembraba que ese 15 de xaneiro fun por primeira vez á Cidade da Cultura, e foi co reclamo [ou co gallo, como di o admirado Luis Rrrrriallll] de asistir á primeira entrega do ciclo Ceo das Letras: conferencia de María do Cebreiro, dramatización de textos de Rosalía a cargo da compañía Casa Hamlet, con Manuel Lourenzo e Santiago Fernández, e viño con algo de picoteo antes de ir para a casiña coma un pepe.

O mellor? Os viños, faltaría máis… Púxenme nunha mesa coa miña copa e desde alí seguín o espectáculo: o conselleiro Varela, moi cool coa súa vestimenta cun puntiño casual, repartía, tamén copa en man, apertas e saúdos a velocidade de vértigo. Víase cómodo, aínda sabendo que naqueles poucos metros cadrados que compartiamos se concentraba un número non pequeno de persoas que pediran publica e reiteradamente a súa dimisión. Non parece, desde logo, un home tímido; máis ben encaixa no perfil dunha ex directora xeral de Educación que dicía de si mesma que era unha kamikaze comunicativa. Outro dos presentes, un intelectual chairego que si semella ser dos realmente tímidos, buscaba un viño e non se atrevía a pedilo. Nunha das mesas había un par de copas que tiñan toda a pinta de non ser de ninguén; mirou para elas, achegouse e case colleu unha, pero algo lle debeu pasar pola cabeza no momento decisivo que o levou a renunciar e a agardar a que algún dos camareiros fixese un voo rasante.

Antes de marchar funme despedir dun coñecido. Contoume que hai dúas situacións nas que ao conselleiro lle encanta que o pillen: tocando o piano e falando en alemán. Grande este Varela!

O sábado 29 volvo. Ese día a cousa xira arredor de Manuel Antonio, un auténtico miura.

Comments

  1. nunca pensei que un lobinsome servira de introdución [con perdón] para unha entrada ó mais puro estilo magazine cultural, facendo unha crónica social irónica e chisquiño corrosiva [que mola.]

  2. Crónica da sociedade compostelá, diría eu, ou máis ben, galega. Aí habería de todo. Curioso o amatronamento da ínclita, tendo en conta a súa condición zezuá.
    Boa entrada, amigo Falabarato.

  3. Im-pre-sio-nan-te! Tanto o pintoresco cartel do que partes como o texto que fuches artellando para rematar coa cita literaria do sábado na Cidade da Cultura. Eu tamén digo: moi boa entrada, amigo Falabarato!
    E tamén che repito que cada día me gusta máis como escribes: [coa túa pluma;-)jaja] mellor dito, a través do teu teclado, transmites axilidade, dinamismo, cercanía, realismo, humor (ás veces sarcástico, outras ingenuo e outras… imposible de describir). Por outra banda, invítasnos a reflexionar, a dubidar, a buscar, a ler, a aprender, a valorar o cotiá, a preciar as cousas pequenas e os momentos aparentemente insignificantes pero cantas veces esenciais ou determinates… Hoxe falo dos teus escritos porque cada vez percibo, admiro e valoro máis o teu dominio léxico-sintáctico a túa capacidade para expresarte sen artificios literarios, cousa que se agradece. É coma se conseguises escalar unha montaña pero co mesmo esforzo ca se camiñases por un sendeiro á beira dun río.

    Unha apertaza de finais de xaneiro.

  4. Silledense says:

    É como é que non me avisaches para ir ao casting, home?
    Así e todo, que cousas hai que ver. O que non dou encaixado é o conselleiro de cultura no rol de lobishome. Pouco intimidador, non pensades?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: