Con este xa van cen. Cen artigos, un detrás do outro.
Claro que cho dedico a ti. Tamén a ti, e a ti… Si, a ti, claro, a ti tamén. Mesmo a ti, que non pasas por aquí pero que tés o teu oquiño reservado [Se os días son de cera, por que non ía selo o meu coração?].
Hoxe tamén é o día no que festexamos que A Contramuleta pon unha veliña máis na tarta. A ocasión perfecta -pensei- para facerlle un outing en condicións a este habitual axitador do Falabarato. Fágase, pois, a luz.
Antes da Contramuleta foi A Muleta. A Muleta de Cachóns, se queremos ser precisos. Todo empezou no Akinator, unha web na que che len o pensamento, como declarou Iván nun vídeo. Pois resulta, queridas nenas e nenos, que o Akinator recolle na súa base de datos a figura dun toureiro que tén por sobrenome A Muleta de Cachóns. Pode que o recoñezades pola foto que aparece na propia web, que foi tomada nun bar de Lestedo, por certo.
Ao pouco de saberse da existencia da Muleta de Cachóns apareceu en escea a figura da Contramuleta, que desde entón se prodiga neste blogue con comentarios non sempre politicamente correctos, pero si edificantes.
E por que se chama A Contramuleta? Por servir de puro contrapunto á Muleta? Por suposto que non. A explicación hai que buscala en Silleda, nunha casa de comidas na que A Muleta e A Contramuleta dan conta dunhas modestas viandas. Son os tempos da moción de censura e os ánimos andan quentes no pobo. A Muleta e A Contramuleta comen, beben e escoitan/encizañan a un home que brama contra os tránsfugas que propician a moción:
-O máximo culpable é Louzán [presidente da Deputación de Pontevedra], que é quen move todos os fíos e quen lle dá cancha aos contrafughas.
Aquel sonoro contrafughas non quedou no esquecemento, non, e del botou man A Contramuleta para construír o seu heterónimo.
Falaron