post

ligar sen WhatsApp

Un vídeo dirixido por Iván, que exerce tamén de entrevistador.

 

Tamén en YouTube [aquí]

post

a felicidade era iso

Sabía que Iván estaba ilusionado co partido de Riazor. Hai cousa dun ano tocoulle vivir alí o descenso e levouno con bastante amargura. É unha destas persoas para as que o fútbol o é todo, ou case, e por iso gozou coma nunca co regreso á primeira división. Nunca o vira bailar,  pero onte bailou ao compás da coidada banda sonora elixida para a ocasión pola xente do Dépor.

Este vídeo vai dedicado a el. Non podía ser doutro xeito.

post

os trinta de iván

Esta semana fixo trinta anos o noso Iván!

 

 

Nota/ Este traballo foi gravado integramente cun teléfono móbil. Nunca antes usara un móbil para ningún dos meus vídeos e non cría que me fose dar as prestacións mínimas. Pois si que as dá.

post

na copa do castro

Chegamos á parroquia do Castro cando comezaba a devalar a tarde.

Baixamos primeiro ata a estación de tren que tanto lles impresionou a Dores, a Zeltia e a Juanjo cando viron a homenaxe que lle rendiu Iván.

[e eu ben sei da enorme capacidade que ten Iván para despertar e transmitir emocións …]

Despois fomos á Copa do Castro, que está a un pasiño da vella estación. Subimos amodiño, gozando do paseo, da temperatura, da luz que ía amortecendo, do encontro. Carguei ao lombo a miña vella Canon, que case non uso por culpa das súas dimensións e do engorro das cintas miniDV, e propúxenlle a Dores que buscase un asento cómodo e que nos lese algo. Coloquei a cámara enriba dun trípode que mercara na Coruña nunha fermosa tarde de hai xa uns anos. Calquei no REC. E Dores leu.

Tamén en Vimeo [aquí]

post

olloboi 2011: xa podes votar

No anterior post publiquei un vídeo saído da factoría Iván. Un vídeo de trens que non paran, de estacións que xa non son estacións.

Os de EtiColmeiro decidiron presentar este traballo ao concurso Olloboi, xunto co vídeo que mereceu o gran premio Videoghit 2011.

Agora chega o momento de votar. Onde? Aquí

Nota: O vídeo de Iván leva o número 40. O do Videoghit ten o 41

post

o tren non para

Iván vive a poucos metros da estación ferroviaria do Castro, en Silleda. Os edificios e os restos do mobiliario dan fe de que aquelo foi unha estación, pero xa hai anos que os trens deixaron de deterse nela. E xa non pararán máis.

Un día faleille a Iván das miñas viaxes en tren, sobre todo das máis recentes, e animeino a darlle uso á súa flamante cámara para facer unha reportaxe na estación. Aos poucos días trouxo unhas imaxes que el mesmo desbotou: o pulso tremáralle e as imaxes estaban demasiado movidas. O noso Iván está a virarse un chisquiño finolis, así que colleu vinte euriños, mercou un trípode, volveu á estación e fartouse de gravar. O traballo rematouno este venres pasado coa axuda de Mari de Piloño, que sempre ten o saleiro cheo para repartir.

Tamén está subido a Vimeo [aquí]

post

despedida

Non queda papel en Riazor, dicían na radio mentres o coche de Ricardo nos achegaba ao estadio. Non lle importaba iso a Iván, que xa levaba a súa entrada ben gardada na carteira, convencido de que dependemos de nós mesmos. Gústame moito oírlle falar de fútbol a Iván. É coma ler o Marca.

Entramos en Riazor media hora antes de que comezase o partido e aquelo xa estaba a rebentar. Empezamos a abrirnos paso para chegar aos nosos asentos e eu matinaba no de sempre, no difícil que me resulta atoparlle a xustificación ao feito de que un espectáculo tan caro coma o fútbol nos someta á incomodidade duns estadios que parecen deseñados para o gando [ou será que…?]. Chegamos ás nosas localidades, despachamos amablemente os espabilados que exercían de okupas e sentamos nas incómodas sillas de plástico. Foi nese momento cando Iván colleu a entrada para que eu lle fixese a foto co móbil. Unha foto histórica, segundo se comprobou dúas horas máis tarde.

Despois veu o partido, e con el os cánticos, as coreografías, as bandeiras e as camisetas con nomes de xogadores do Superdépor de hai uns anos. E os rostros: rostros de preocupación, de crispación, de angustia, de nostalxia de épocas mellores… Iván tiña a radio na orella e ía cantando os goles doutros campos. Perde o Mallorca!, dixo de pronto, e un veciño de localidade empezouno a corear entre os seus acompañantes. Bastaba o empate, un goliño nada máis, pero non houbo ese gol. Acabouse o que se daba. The end.

Iván quedou bastante afectado. O Dépor é todo para el. Animámolo como mellor soubemos e el dixo que non nos preocuparamos, que en dous días xa estaría recuperado. Abandonei o estadio coa sensación de formar parte dunha comitiva fúnebre.

[E as miradas perdidas. Os ollos húmidos, a xente dándose ánimos, as apertas, as mensaxes de esperanza. Tamén os cabreados. Tamén os moi cabreados. Tamén os que golpeaban cousas. E tamén os que as rompían]

Desta vez non regresamos a Santiago escoitando a radio, que é o que facemos habitualmente. Onte cambiei a rutina, puxen un disco e vinlle dando conversa a Iván. Xa o notaba máis relaxado. Como o levas?, pregunteille cerca de Ordes. Teño máis sono ca depresión, respondeu.

post

silleda opina: a escura trama

Haberá alguén que aínda non oíse falar de toda a polémica que se desatou despois do recente Madrid-Barça da Champions? Moi difícil me parece, porque estes días semella non haber outro tema de palique nas teles, na prensa escrita, nas radios, nas barras dos bares, nas paradas de bus, nos recreos das escolas [e tamén nas clases, claro], nas comidas familiares, nos fogares de xubilados, nos xulgados de paz, nas salas de espera dos dentistas e, nunha palabra, en todo canto sitio hai.

O reporteiro Iván decidiu aproveitar a ocasión e botar a andar coa súa cámara polas rúas de Silleda. O obxectivo, naturalmente, era pulsar a opinión que a xente tiña do acontecido no partido, especialmente no que se refire ao que Zeltia denominou a escura trama que, segundo Mourinho, tecen os árbitros arredor del.

post

fichaxe

Iván sempre andou dando voltas por aquí: Iván do Dépor, Iván do Castro, Iván de Silleda, Iván e o Seat Arousa, Iván e as cegoñas…

Desde a semana pasada tamén hai un Iván reporteiro, un Iván que leva a súa videocámara no coche para dispararlle a todo o que se menee. O que nos agarda, mi madriña!

O vídeo de hoxe está feito coas imaxes que gravou estes venres, o día que se lle fixo entrega da cámara. Por alí andaba tamén Maridepiloño, que fixo gala do seu habitual desenfado e botou unha man xenerosa. Grazas a ela foinos posible afondar na personalidade do alcalde sexy que descubrimos no anterior post.

post

aínda non murcharon as mimosas

Unha persoa a quen admiro agasalloume hai pouco cunhas palabriñas manuscritas e cunha mimosa infectada de beleza.

Na carta cóntame que segue con emoción os vídeos nos que aparece o noso amigo Iván e que se sinte partícipe dos seus éxitos ao volante. É estrano o perto que podemos sentirnos dalgunhas persoas sen coñecelas, di, e concordo.

A Iván fíxolle moita graza a mimosa plastificada. Despois deille a ler a parte da carta que fala del e puxo esa cara de felicidade de cando se sinte recoñecido.

Quedamos en facer un vídeo de agradecemento. Eu quería que no vídeo houbese moitas mimosas, pero xa as daba por perdidas: en Cachóns xa desapareceran. Eu sei onde as hai, dixo Iván. Levou a cámara e gravou toda a tarde. Ao outro día volveuna coller para tomar imaxes das cegoñas que aniñaron en Silleda.

E aquí está o resultado. Utilizamos a base musical e visual dun anaco de Calle 54, o filme que asinou Fernando Trueba no 2000. Se queres ver o vídeo orixinal, preme aquí.

post

iván perde o L

Hai un ano que Iván aprobou os exames do carné de conducir [aquí].

-Como queres celebralo, Iván?

-Gustaríame que me fixeses un vídeo o día que quite o “L”.

-Iso está feito!

PS/ Agora Iván xa está capacitado para conducir en sitios coma este.

post

Nook

Edelmiro prestounos o seu flamante e-book para que Iván e eu tiveramos ocasión de xogar un pouco con el e de asomarnos ás posibilidades que ofrece. Pode que os días dese artefacto que coñecemos como libro de papel estean máis contados do que parece…

Para velo en YouTube, preme aquí.