post

Making Off

Hai uns días publiquei o lipdub do alumnado do IES Pintor Colmeiro (Silleda). Por alí andaba tamén Iván, que se dedicou a recoller imaxes do evento. Con elas fíxose este vídeo.

post

Akinator coñece a Feijóo

Desde as terras de Camanzo recoméndanme que probe Akinator, un xogo online que adiviña o pensamento. Dito e feito, como poderás ver no vídeo.

PD/ Grazas pola ligazón, Mari. Se che apetece, dá un paseíño pola web de Dimitri, o home que che dará cumprida resposta para resolver todo aquelo que che preocupe.

post

Cousas da informática

Decidiu cambiar o ordenador do despacho por un portátil. Ocupeime do trasvase da información entre os dous equipos, retirei o vello e puxen o novo. A CPU estaba tan desfasada que non lle vin aproveitadoiro, así que decidín que o seu destino sería o punto limpo. Iso si, antes deberei desenganchar o disco duro e inutilizalo polas bravas (non como os informáticos de verdade, que teñen aparellos ad hoc), para evitar que a información sensible teña ocasión de circular. Reservei o monitor, un CRT de 15″ aínda bastante ben conservado, porque me pode vir ben para resolver temporalmente unha avaría ou para darllo a alguén que o precise. Como me dixo miña nai un día destes, ao tempo que me poñía no coche unha caixa chea de ovos , “se ti non os queres, sempre podes facer feliz a un pobre”.

Cando xa estaba rematando o traballo veu a moza que se ocupa das tarefas administrativas, dirixiu a mirada ao monitor e transmitiume a súa preocupación pola posibilidade de que a persoa que o vaia usar acceda á información que había no ordenador. Expliqueille que a información está no disco duro, nunca no monitor, detalleille os meus plans para impedir o acceso a ela e creo que disipei totalmente os seus temores.

Aproveito tamén para comentar que o noso querido Iván realizou hai uns días o seu primeiro servizo como informático a domicilio. A unha amiga del falláballe a conexión a internet no ordenador de sobremesa e alá foi, armado cun cable que lle deixei e cun plan de actuación que trazamos en dez minutiños. Ao pouco de marchar chamoume para comunicarme que xa descubrira o fallo: “Meteron o cable no burato que non era”.

post

O Arousa de Iván

Aí vos deixo o vídeo do momento no que Iván formaliza a adquisición do seu SEAT Arousa. Metinlle unha musiquiña extraída da banda sonora da película Un mundo perfecto, creo que a mellor obra do grande Clint Eastwood, a ver se así se me vai o mal sabor de boca que me deixou o seu último filme, Invictus.

Moita sorte co coche, Iván, e noraboa polo teu esforzo.

post

Iván e eu

Nunha das últimas entradas que publiquei puxen o vídeo de Iván probando o meu coche. Nun dos comentarios preguntábanme cantos anos hai que coñezo a Iván e pensei que, xa que hoxe teño algo de tempo (teño unha masa de pan a levedar), vou contar a historia da amizade entre Iván e máis eu.

O meu primeiro contacto con el tivo lugar haberá uns 16 ou 17 anos. Eu chegaba a Silleda pola tarde e atopaba a aquel neno que viña cara min, sempre rindo, e me daba a man moi ceremoniosamente, tal como aínda fai hoxe, e me contaba o que lle deran de comer na escola. Gustáballe todo menos as salchichas e as olivas. Sempre pensara que todos os rapaces comen salchichas de boa gana, pero xa vin que hai excepcións. Tiñamos todos os días a nosa charliña e cada un ía para as súas obrigas. Foron pasando os anos, o neniño xa se fixo un mozote de 16 anos e veu ás miñas clases. Lembro que o día que lle entreguei o título esperou a que rematase o acto e, cando xa non quedaba ninguén, veu co título na man preguntar se aprobara. Confirmeillo escarallándome coa risa e el marchou coma un foguete para celebrar o éxito e contarllo a todo mundo, igual que está facendo estes días despois de ter acadado o carné de coche.

Desde entón ata hoxe foron pasando os anos e Iván sempre estivo na miña órbita. Creo que non debeu haber case ningunha semana na que non o vise ou falase con el. Xa o di el cando se despide por uns días:  “Estamos en contacto!”. En todo este tempo foron mudando moitas cousas na miña vida e aquel Xosé xa non é este Xosé (xa o dixo o poeta), pero Iván nunca falta, sempre está aí. Xuntos montamos aulas de informática, pasamos frío e choiva en Riazor, comemos unhas poucas toneladas de churrasco -a súa comida favorita-, falamos das fichaxes do Dépor ou das súas vicisitudes laborais, que non foron poucas. Ás veces comento que o elemento que me une máis a Silleda, ata o punto de que non falta quen pensa que eu son silledense, é a miña amizade con este rapaz, que sempre me trae alegría e bo humor.

Os que o coñecedes sabedes que Iván patrulla Silleda en moto. Frío, choiva e máis frío e máis choiva. O home quería pasarse ás catro rodas e pensaba nun deses coches sen carné, pero animámolo a que fose á autoescola para ter a licenza e conducir un coche como é debido. Fíxonos caso e púxose mans á obra. Ía todos os días facer os tests e sacou a teórica á primeira e sen fallo ningún. Despois viñeron as prácticas e aprobou tamén á primeira. Un éxito que celebramos como o merecía a ocasión. Agora anda buscando coche e xa ten o mellor asesor que podía atopar. Non hai fallo.

Remato cunha anécdota que para min resume quen é Iván e por que estou tan unido a el. Andaba eu hai uns días algo espeso e un pouco tristón. Estaba diante do ordenador facendo xa non sei o que e entrou Iván pola porta. Doume a man coa súa risa de sempre e díxome: “Sabes a noticia?”. Pregunteille de que noticia me falaba e contestou: “A partir de agora vai haber partidos os luns!”. Rin por dentro e alegroume a tarde tan só con ese detalle. Este é o Iván que tantas persoas apreciamos e queremos.

post

Iván sacou o carné de coche!!!

Sen palabras…

Bravo, Iván!

A %d blogueros les gusta esto: