post

despedida

Non queda papel en Riazor, dicían na radio mentres o coche de Ricardo nos achegaba ao estadio. Non lle importaba iso a Iván, que xa levaba a súa entrada ben gardada na carteira, convencido de que dependemos de nós mesmos. Gústame moito oírlle falar de fútbol a Iván. É coma ler o Marca.

Entramos en Riazor media hora antes de que comezase o partido e aquelo xa estaba a rebentar. Empezamos a abrirnos paso para chegar aos nosos asentos e eu matinaba no de sempre, no difícil que me resulta atoparlle a xustificación ao feito de que un espectáculo tan caro coma o fútbol nos someta á incomodidade duns estadios que parecen deseñados para o gando [ou será que…?]. Chegamos ás nosas localidades, despachamos amablemente os espabilados que exercían de okupas e sentamos nas incómodas sillas de plástico. Foi nese momento cando Iván colleu a entrada para que eu lle fixese a foto co móbil. Unha foto histórica, segundo se comprobou dúas horas máis tarde.

Despois veu o partido, e con el os cánticos, as coreografías, as bandeiras e as camisetas con nomes de xogadores do Superdépor de hai uns anos. E os rostros: rostros de preocupación, de crispación, de angustia, de nostalxia de épocas mellores… Iván tiña a radio na orella e ía cantando os goles doutros campos. Perde o Mallorca!, dixo de pronto, e un veciño de localidade empezouno a corear entre os seus acompañantes. Bastaba o empate, un goliño nada máis, pero non houbo ese gol. Acabouse o que se daba. The end.

Iván quedou bastante afectado. O Dépor é todo para el. Animámolo como mellor soubemos e el dixo que non nos preocuparamos, que en dous días xa estaría recuperado. Abandonei o estadio coa sensación de formar parte dunha comitiva fúnebre.

[E as miradas perdidas. Os ollos húmidos, a xente dándose ánimos, as apertas, as mensaxes de esperanza. Tamén os cabreados. Tamén os moi cabreados. Tamén os que golpeaban cousas. E tamén os que as rompían]

Desta vez non regresamos a Santiago escoitando a radio, que é o que facemos habitualmente. Onte cambiei a rutina, puxen un disco e vinlle dando conversa a Iván. Xa o notaba máis relaxado. Como o levas?, pregunteille cerca de Ordes. Teño máis sono ca depresión, respondeu.

Comments

  1. Unha forte aperta para Iván e a miña felicitación por esa capacidade de rexurdimento, recuperado en dous días como unha nova ave Fénix. Di que si, Iván, o mellor de todo é que non haxa neste mundo nin no outro nada que nos quite o sono…. nin o sol, seica dixo Dióxenes.

  2. Ánimo Iván!, que non se acaba o mundo!, pensa na ilusión tan grande que che fixo estar alí, solo hai que ver a cara de felicidad que tes ca túa entrada na man! Esa mirada limpa e transparente, que revive unha e outra vez, cada xogada, non importa que non ganaran. Para tí, o que ten que contar e que sempre levarás no teu corazón,os sentimentos do que viviches onte con tanta alegría. Un abrazo. Mary

  3. Unha apertaza para Iván.
    Gardaremos esta imaxe como a mellor e máis auténtica expresión del!! (unha foto que non precisa marco, non).
    Iván é moi listo e seguro que mañá xa está alegre de novo!!
    Bicos

  4. Áptera says:

    Aínda que baixasen a segunda, ti non deixes de acompañar a Iván a Riazor, eh?
    Ben sei que vas seguir estando aí con el, coma sempre…

  5. M.JOSÉ says:

    “Todo o que sube baixa,”
    imos aplicalo conto ó
    revés Iván.
    “todo o que baixa,sube.”
    AUPA…

  6. O ambiente do fútbol. A descripción das emocións no estadio. Compartindo con nós [para nós] a importantísima noite de Iván. Amosándo a ilusión de Iván que lle sae polos ollos. A foto de Iván [calquera diría que é feita co móbil!]
    [“Depende de nós”: para fans como Iván, o Depor sempre será o Superdepor.] Grazas por compartir, Xosé.

    E tí, Iván: fai que sexa certo o que me dixeches: que o martes xa che tería pasado!
    A frase de: teño máis sono ca depresión fíxome rir, e tomo boa nota dela, que heina repetir eu: encerra moita sabedoría. Mándoche tamén as mesmas frases de ánimo que che deixaron os outros comentaristas e un bico.

  7. Apúntome á lei de “máis sono ca depresión“. Iván: patenta esa marca. Á volta da nova tempada, será un bo slogan para as camistas do Depor en primeira!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: