post

a caída da folla

Un veciño meu pasou uns días sen saír da casa. Botárono de menos na panadería e deron a voz de alarma. A policía acabou entrando no galpón no que vivía e precintouno cunha cinta de plástico despois de comprobar que estaba morto.

Diante da súa porta hai unhas flores e unha foto del que está chea de dedicatorias. O plástico co que se precintou a casa leva escritas estas palabras: POLICÍA. NO APARCAR.

 

Este vídeo pódese ver en YouTube pinchando aquí.

 

post

lentura

Pedro colle unha variña e escaravella con ela no chan. A terra sae voando coma se fose cinsa.
Pónselle cara de circunstancias.

-Se non vén pronto unha reguiña, seca todo. Mira como agulletou o millo da veiga. Parece que está todo ardido. É unha pena.

-Pois a ver se chove un día enteiro, logo…

-Tal como está a terra, dígoche eu que un día non abonda. Mira para aquí [escaravella outra vez]: non ten lentura ningunha.

[Lentura (*). Outra desas palabras que xa case non escoito. Palabras que xa non se escoitan.]

O domingo pola noite, por fin, a chuvia. O luns pola mañá recibo un correo dunha persoa que manifesta a súa tristeza por culpa do mal tempo. En Cachóns, en cambio, a auga é recibida con alivio.

Pola tarde chove miudiño, como miudiño chove. Collo o paraugas e saio coa cámara. As pingas de auga nas follas, as maceiras vencidas polo peso do froito, os olores da terra húmida, as uvas maduras antes do seu tempo… Comprobo que a auga xa foi entrando na terra. Direille a meu pai que xa empeza a haber lentura.

 

Se pasas por aquí de cando en vez, xa sabes que teño costume de subir os vídeos a Vimeo e a YouTube. Creo que Vimeo dá un chisquiño máis de calidade, pero pode que sexa cuestión de prexuízos pola miña parte. Lembra que podes acelerar a descarga en Vimeo se desactivas a opción HD que hai no reprodutor. Para ver o traballo en YouTube, preme aquí.

(*) Lentura: Humidade que contén a roupa, os froitos ou a terra.

post

camiños orballados

Pasou toda a mañá choviscando. Pola tarde, en cambio, abril amosou a súa cara máis soleada.

Xa levaba un tempo sen verse o orballo nos camiños, nas corredoiras e nos carreiros de Cachóns.

-Moitos destes camiños seguirán sendo transitabeis mentres teu pai estea aí para ilos limpando. Despois… xa veremos.

[E asinto con ollos case de orballo]

A %d blogueros les gusta esto: