post

muíños, río, uxío

Xa hai tempo que circula polo cauce do Tella, que é un dos dous ríos que bañan o meu Cachóns, unha substancia sospeitosa que enloda a auga e mantén a raia a vida. E non é preciso ver para crer: basta con cheirar para saber.

Uxío coñece ben o río Tella e entende de muíños, como poderás comprobar se ves o vídeo que poño hoxe. O que non entende Uxío é a pasividade coa que os estamentos e os membros da nosa sociedade aceptan, cada quen ao seu nivel, o desastre da contaminación sen mover un dedo para porlle remedio.

 

[vimeo 31651184/]

 

Para ver en YouTube [aquí]

 

post

rizoma

Quen borra do teu corazón
o mar e a terra da Provenza?
Quen borra a lembranza do teu corazón?
Que destino te apartou do
ardente sol natal?
Na dor mesma vive todo
aquelo que te fixo feliz,
e só alí encontrarás a paz.

As palabras que o vello Germont lle dirixe a Alfredo, o seu desconsolado fillo, prenden en min e cobran vida cada vez que as escoito [aria Di Provenza il mar, il suol  – La Traviata, Giuseppe Verdi].

Poderosas as palabras, profundo o seu eco, despréganse coma rizoma pola terra e suben tamén por min, que sempre estou regresando.

[O sábado pola tardiña, Cachóns e a recollida de castañas. O luns, tamén atardecendo, paseo pola ribeira do Ulla. O outono está petando á porta]

Tamén en YouTube [aquí]


post

o entroido de oza 3/ mil batallas

remanga os puuuuuños
[Dores Tembrás, O pouso do fume]

Quen lle ía dicir a aquel Zapatero dos tempos de gloria que a súa imaxe ecuestre sucumbiría ante o vigor verbal dun humilde cigarro de Oza! Non lle ha ser doado encaixar ese golpe ao home que lle gañou varios debates televisados a un personaxe da talla intelectual de Mariano Rajoy.

Rematada a regueifa do Piro e consumada a derrota, Zapatero debuxou coa súa espada o contorno da lúa tremenda. Fíxoo moi amodiño, coa mirada perdida e con toda a apariencia de estar mergullado en escuros pensamentos. Pero iso, como el diría, son meras especulacións. O único que se sabe de certo é que baixou do cabalo e que compartiu un viño con algúns dos presentes. Despois botou a andar pola pista da Hermida abaixo, volveu mirar a lúa colosal e viuse como erguía os brazos cara ela e lle dicía Voute soñar…



post

troitas

Un vello estanque.
Tírase unha ra:
ruído da auga.
[Un haiku de Matsuo Bashō]

Aura publicou hai uns días cinco fotos duns muíños que sobreviven ao pé do río Vilameá.

Escribín un comentario.

O retrovisor achegoume ao neno que ía con seu pai ao muíño. O Tella era entón un río, non o fedorento surtidor de veleno no que pouco despois se convertiría [di que si, Uxío!]

Algunha vez colliamos unhas troitas cando volviamos para a casa. Non as pescabamos: simplemente atrancabamos algunha presa pequena para que quedasen atrapadas. Despois gardabámolas no saco da fariña e así ninguén sabía do noso delito.

O comentario quedou aí. A pinga de humor que lle faltaba púxolla alguén que o veu e me mandou inmediatamente un correo poñendo as cousas no seu sitio:

-Troitas pillabas as que eu che deixaba ir, que primeiro pasaban pola beiriña do meu muíño.

post

porquiño porque si

bebe tranquilo, que este é viño da casa e non che ha facer mal  :: e come chourizos, home, que o quiniño fartouse de comer verdura un ano enteiro  :: se viras de que carniña tan escollida os fixemos… :: pero, iso si, hai que pasar moitos traballiños, que as cousas non veñen sen traballar

post

solsticio

O vídeo de hoxe é un vídeo de inverno, e do inverno xa falou Zeltia:
os domingos fríos, levo onda a ventá o primero café con leite da mañá na cunca branca grande, [lémbrame aquela na que almorzaba de nena o leite de cabra con sopas de molete pantrigo]
post

lagarto, lagarto

Para seguirme na batallita de hoxe terás que acompañarme ata o colexio da Ramallosa, en Teo, e entrar conmigo na aula de 7º de EXB. Ata podes saír na foto de grupo [sempre que traias os teus pantalóns acampanados de talle alto, aclaremos].

Imos coa historia. Don Jesús dábanos clase de ciencias naturais. Era un tipo novo, deportista e enérxico que conxeniaba ben cos alumnos máis trallas. Tiña o costume de traer a clase artigos que había no laboratorio,  tales como minerais, follas secas ou fósiles, e mantíñaos durante toda a hora na súa mesa para que nos foramos familiarizando con eles.

O noso don Jesús levábase ben coa profesora de ximnasia [o de chamarlle educación física viría anos depois]. Era unha mestra moza que levaba traballando pouco tempo no meu colexio. E tan ben se levaban, tan-ben-tan-ben, que non era raro que ela estivese na nosa aula mentres el daba a clase, alí sentadiña coma se fose unha alumna máis.

A anécdota que vou recrear aconteceu unha tarde. Describirei a escea. Don Jesús estaba sentado na súa mesa, a profe de ximnasia estaba apoiada no brazo do sofá que el ocupaba e había un tarro enriba da mesa que tiña dentro un lagarto conservado en formol, o agasallo que elixiu o profesor para amenizar a sesión. Os dous profes falaban entre eles mentres nós faciamos unha tarefa calquera. Entón apareceu un dos máis paveros da clase, José Leal, o que hoxe está encargado da gasolineira de Pontevea, que soltou en voz alta:

-Profesor, creo que tén o rabo teso.

-?!

-Mire ben para o lagarto, que tén o rabo teso!

Houbo risas e cachondeo, por suposto, pero a cousa quedou aí. Iso si, a profe de ximnasia xa non volveu á clase de don Jesús.

PS/Xa vedes na foto que a obesidade infantil non era un problema nese tempo.

post

O retratista de Cachóns

Resulta que en Cachóns viviu e traballou un fotógrafo dos de antes, un retratista, e eu non o sabía. Sabíao H, habitual comentarista deste blogue, e mandoume un aviso. Recoñezo que dubidei da veracidade da información, porque nunca tal cousa oíra na miña aldea, pero pregunteille a meu pai, que ma confirmou. El era moi neno nos tempos do señor Ramón, o retratista, pero remitiume a Evangelina, que vivía nunha casa moi próxima á que ocupaban o señor Ramón e a muller.

Falei con Uxío, o meu irmán, e interesouse tamén por esa novidade. Conversou con Evangelina e xa puxo data para ir alí coas cámaras: o 15 de agosto  a iso da unha do mediodía, que é á hora á que Evangelina e a súa filla Isabel regresan da feira de Padrón. Evangelina atendeunos de marabilla e fixo o esforzo de retroceder setenta anos para contarnos todo o que lembra do retratista, que non é pouco.

Queda pendente para outra vez facer indagacións sobre o que se conserva da súa obra. É posible que ese traballo xa fose feito por alguén, pero non nos consta. Tampouco temos a man fotos da casa do retratista que amosen a súa apariencia de entón. A vivenda foi remodelada varias veces e costa facerse unha idea do aspecto que podía ter na década dos anos trinta ou corenta do pasado século. En fin, son tarefas que pode que algún día acometamos.

PS1/ Este vídeo, ao igual que varios dos últimos que publiquei, permiten un visionado en alta calidade (720p ou mesmo 1080p). Pódense activar estas opcións na consola de reprodución de YouTube.

PS2/ E que dicir do tema ADSL? Cando poderemos acceder a internet sen ter que colgar o pincho de Vodafone na cana de pescar para coller un pouco de cobertura?

post

Hiperlocalismo

Non é que ande un servidor moi ao tanto da actualidade política, pero hai elementos dese universo aos que non podo permanecer alleo, sobre todo se teñen que ver coa política local.

Como teense de pro que son,  levo unha tempada asistindo aos movementos de Armando Blanco, o que fora alcalde do meu concello durante dúas lexislaturas, para revalidar a súa condición de candidato do PP nos comicios do 2011. Cóntase que no partido non o queren… e eles saberán por que. O certo é que este home, unha das persoas con máis condecoracións que un sexa quen de imaxinar, volve dar mostras da súa mítica extroversión creando unha canle no YouTube.  Alí pode deleitarse o/a visitante, por poñer un exemplo, coas imaxes  da degustación dun cocido ofrecidas cun realismo que estremece, sobre todo se quen o ve pertence a algún colectivo anti-cárnico ou padece do estómago.

Voume permitir achegar unha idea para a campaña do ex alcalde: rescatar unha peza musical da Orquesta Compostela que leva por título Pasodoble de Cacheiras.  A ver quen contén a emoción cando o admirado Miguel Torres cante que en esta villa preciosa,  con todas sus maravillas, hay una casa famosa que conoce medio mundo: la casa de las tortillas.

Audio do Pasodoble de Cacheiras:

http://live.goear.com/sst5/mp3files/28042010/5bcdc7786f96fa70f6da8e8ce47a0e64.mp3″