post

O retratista de Cachóns

Resulta que en Cachóns viviu e traballou un fotógrafo dos de antes, un retratista, e eu non o sabía. Sabíao H, habitual comentarista deste blogue, e mandoume un aviso. Recoñezo que dubidei da veracidade da información, porque nunca tal cousa oíra na miña aldea, pero pregunteille a meu pai, que ma confirmou. El era moi neno nos tempos do señor Ramón, o retratista, pero remitiume a Evangelina, que vivía nunha casa moi próxima á que ocupaban o señor Ramón e a muller.

Falei con Uxío, o meu irmán, e interesouse tamén por esa novidade. Conversou con Evangelina e xa puxo data para ir alí coas cámaras: o 15 de agosto  a iso da unha do mediodía, que é á hora á que Evangelina e a súa filla Isabel regresan da feira de Padrón. Evangelina atendeunos de marabilla e fixo o esforzo de retroceder setenta anos para contarnos todo o que lembra do retratista, que non é pouco.

Queda pendente para outra vez facer indagacións sobre o que se conserva da súa obra. É posible que ese traballo xa fose feito por alguén, pero non nos consta. Tampouco temos a man fotos da casa do retratista que amosen a súa apariencia de entón. A vivenda foi remodelada varias veces e costa facerse unha idea do aspecto que podía ter na década dos anos trinta ou corenta do pasado século. En fin, son tarefas que pode que algún día acometamos.

PS1/ Este vídeo, ao igual que varios dos últimos que publiquei, permiten un visionado en alta calidade (720p ou mesmo 1080p). Pódense activar estas opcións na consola de reprodución de YouTube.

PS2/ E que dicir do tema ADSL? Cando poderemos acceder a internet sen ter que colgar o pincho de Vodafone na cana de pescar para coller un pouco de cobertura?

Comments

  1. Un pracer escoitar o relato da señora Evangelina. Falabarato, anímote a que sigas indagando nesta historia. Teñen que quedar vestixios da súa obra! Xa estou imaxinando as fotografías coa xente vestida daquela época e as mimosas como telón de fondo… Seguro que vas atopar e recuperar algunha mostra como memoria do retratista de Cachóns.
    Parabéns pola reportaxe!
    Unha aperta.

  2. -De lux…o- é, como traballaches o vídeo, con toda esta historia do retratista, que polo visto tiña moitas máis habilidades. Lograches sacalo do esquecemento.
    Debeu ser todo un xenio do seu tempo e das súas posibilidades. Así pois ese “mal xenio” aínda lle da, se cabe, máis valor.
    Fixécheslle unha grande homenaxe, que anque nadie contase xa con ela había ter ben merecida.
    Que decir da xente da que te acompañas, outro grandísimo luxo… seguro.
    Ti sempre estás a crear historia.
    Grazas Mestre. Bicaso.

  3. Aberta a porta da investigación, agora non o podes deixar:
    queremos, cando menos, UN retrato
    [a ver ese fondo detrás das persoas endomingadas e peiteadas que irían para facer a foto de toda a familia xunta: o pai no centro, á beira a filla máis vella, a carón a súa dona co rapaz mais pequeno no colo.-
    ou esoutra da muller que entra na cuarentena, enlutada, (ese día sen pano á cabeza, of course), rodeada dos cinco fillos, co sorriso dela e a mirada asustada dos nenos -co xenio que tiña o retratista!-, soñando a cara que porá o seu home, en Buenos Aires, [ou en Caracas] cando abra a carta e apareza o sorriso dela, a cara asustadiña dos nenos, mirándoo desde Cachóns, e ó home lle treme a man, e non poida mirar por ter os ollos enchidos de bágoas…

  4. moito me rin coa “antena” 🙂

  5. Encantoume o da entrevista previa. De tódolos xeitos, non pareceu que a señora Evangelina entrara en contradición entre o que dixo tralas cámaras e o dito a cara descoberta. Ao meu avó, afincado en Santiago, pero oriundo de Lousame, chamábanlle o estudante de Noia, porque tiña moi boa fachenda e era elegante no vestir. A súa maior felicidade era ir retratarse. O fotógrafo, dependendo do estado de ánimo do cliente, corría uns veos estampados en paisaxes vivas, primaverais, alegres… ou tristonas, outounais e decadentes…segundo fora o caso.A miña bisavoa retratouse pro primeira vez ós 16 anos. A súa nai deulle un boa tunda e rachoulle a foto(aquelo era de perdidas!!!) Así a conservamos aínda, pegada cun celo…
    E que felices eran co seu retratiño no peto!!!
    Parabéns polo vídeo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: