post

gala videoghit 2012

Glamur en Silleda, titulou La Voz de Galicia a crónica da gran gala do Videoghit 2012 que tivo lugar hai uns días na Casa de Cultura de Silleda. Aquí deixo o vídeo da primeira parte do acto.

 

Para velo en Vimeo, vai aquí.

post

o voso galo, comadre

Á xente do Deza gústalle a música. E a cal non?, dirás ti. E levas razón. O que quero dicir é que por esas terras a xente vive a música cunha paixón que non teño visto noutros sitios. Non é arriscado supoñer que esa devoción pola música, que ademais ten un carácter extraordinariamente interxeracional, é a principal responsable da apabullante nómina de bandas de música,  de agrupacións folclóricas e de corais que hai por toda a zona.

O sábado 28 de xaneiro debutou o Coro Vales Mahía. O evento tivo lugar no auditorio Manuel Dopazo, na Bandeira. Entre o numeroso público estaba Antonio, que compatibilizou con oficio as funcións de rendido espectador e de cámara. Grazas ao traballo de Antonio podo achegarche hoxe o documento en vídeo da velada.

Son sesenta minutiños de nada… [Si, pero ninguén é quen de botar contas do traballo e do sacrificio que hai detrás desa hora de actuación]

 

 

Para velo en YouTube, fai clic aquí.

Tamén en Dailymotion, para que non falte de nada. aquí

[E falando do YouTube, alucino co correo que me remiten unha vez rematado de subir este vídeo. Transcribo: Es posible que el contenido o la licencia de tu vídeo Coro Vales Mahía en concerto pertenezcan a GoDigital MG For a Third Party.]

post

os trinta de iván

Esta semana fixo trinta anos o noso Iván!

 

 

Nota/ Este traballo foi gravado integramente cun teléfono móbil. Nunca antes usara un móbil para ningún dos meus vídeos e non cría que me fose dar as prestacións mínimas. Pois si que as dá.

post

colmeiro 139

Obra de Manuel Colmeiro

Hai bastantes anos atopei un libro que xa case estaba descatalogado. Non lembro o título, mais si o contido: 139 reproducións da obra do artista silledense Manuel Colmeiro Guimarás

Escaneeinas unha a unha na primavera de 2001 e gardeinas nun CD. Hoxe falei daquel libro con Matías da Torre, o Concelleiro de Cultura de Silleda, e lembrei as 139 imaxes. Localiceinas ao chegar á casa e decidín compartilas nun album Picasa ao que podes acceder premendo na imaxe superior. As reproducións ofrécense na calidade orixinal coa que foron escaneadas.

[No 2007 subín ao YouTube un extracto dunha entrevista a Manuel Colmeiro na súa casa de Margaride -Silleda-, que fora emitida por TVE no ano 1999, poucos meses antes do seu falecemento. VER]

post

na copa do castro

Chegamos á parroquia do Castro cando comezaba a devalar a tarde.

Baixamos primeiro ata a estación de tren que tanto lles impresionou a Dores, a Zeltia e a Juanjo cando viron a homenaxe que lle rendiu Iván.

[e eu ben sei da enorme capacidade que ten Iván para despertar e transmitir emocións …]

Despois fomos á Copa do Castro, que está a un pasiño da vella estación. Subimos amodiño, gozando do paseo, da temperatura, da luz que ía amortecendo, do encontro. Carguei ao lombo a miña vella Canon, que case non uso por culpa das súas dimensións e do engorro das cintas miniDV, e propúxenlle a Dores que buscase un asento cómodo e que nos lese algo. Coloquei a cámara enriba dun trípode que mercara na Coruña nunha fermosa tarde de hai xa uns anos. Calquei no REC. E Dores leu.

Tamén en Vimeo [aquí]

post

20 ha cinsa

Ardeu Dornelas: vinte hectáreas convertidas en borralla. Non teño máis palabras.

post

[36579] dornelas

Pasou un ano desde a reconciliación, e ben que se percibe esa nova enerxía na vitalidade que foi collendo o xardín. Parabéns.

post

fundido en negro

fíxolle deus mil favores :: si, ho, a el e aos da casa, que moitos traballiños levan pasado… :: e inda bo foi que mantivo o sentidiño ata o remate :: si, meu pobre, pero mellor lle sería telo perdido :: tamén é verdade, que debe ser moi triste verse así e non se poder valer…

En cambio, ás veces a morte actúa dun xeito máis simple, máis rápido, máis monstroso. Imaxino esa morte coma un fundido en negro, di Z. Un desvanecemento sen volta atrás. Un apagón.

Hai menos de 24 horas atopámonos nun bar de Silleda. Un saúdo e unhas poucas palabriñas, coma sempre. Hoxe, no tanatorio.

Bo descanso, César.

post

olloboi 2011: xa podes votar

No anterior post publiquei un vídeo saído da factoría Iván. Un vídeo de trens que non paran, de estacións que xa non son estacións.

Os de EtiColmeiro decidiron presentar este traballo ao concurso Olloboi, xunto co vídeo que mereceu o gran premio Videoghit 2011.

Agora chega o momento de votar. Onde? Aquí

Nota: O vídeo de Iván leva o número 40. O do Videoghit ten o 41

post

o tren non para

Iván vive a poucos metros da estación ferroviaria do Castro, en Silleda. Os edificios e os restos do mobiliario dan fe de que aquelo foi unha estación, pero xa hai anos que os trens deixaron de deterse nela. E xa non pararán máis.

Un día faleille a Iván das miñas viaxes en tren, sobre todo das máis recentes, e animeino a darlle uso á súa flamante cámara para facer unha reportaxe na estación. Aos poucos días trouxo unhas imaxes que el mesmo desbotou: o pulso tremáralle e as imaxes estaban demasiado movidas. O noso Iván está a virarse un chisquiño finolis, así que colleu vinte euriños, mercou un trípode, volveu á estación e fartouse de gravar. O traballo rematouno este venres pasado coa axuda de Mari de Piloño, que sempre ten o saleiro cheo para repartir.

Tamén está subido a Vimeo [aquí]

post

gran gala videoghit’11

O venres tivo lugar na casa de Cultura de Silleda a gran gala do concurso Videoghit 2011. Un exitazo.

[O vídeo podería lucir mellor se houbese máis luz, pero decidimos non iluminar para favorecer o desenvolvemento do acto]

post

videoghit

O zapato pide media,
a media pide zapato

O mesmiño que di a copla foi o que pasou entre Suso (EtiColmeiro) e Uxío, meu irmán. Os dous son dispostos, traballadores, imaxinativos e decididos. Tan só era cuestión de tempo que aparecese un proxecto no horizonte que lles permitise poñer en común o seu talento. E a ocasión presentouse co Videoghit, un certame de creación audiovisual impulsado desde EtiColmeiro.

Suso andaba a planear a gala de entrega de premios e pensou nuns trofeos diferentes aos que habitualmente se mercan para tales eventos. O que quería Suso era que estivesen feitos con materiais reciclados, con pezas que xa cubriron o seu ciclo de uso e que van dar ao lixo.

E o Uxío podería facer algo diso?

Falei con Uxío e amosou a súa disposición a colaborar. Minto, porque non lle podo chamar disposición ao que percibín realmente como entusiasmo. Uxío é mecánico: Vou facer uns trofeos con pezas de motor desas que tiramos no taller. 

Uxío púxose a traballar [ver vídeo] nos sete trofeos que se lle pediran, e xa os ten listos unha semana antes do día da entrega de premios. Comprobei tamén que Suso xa ten pechada a programación da gala coa mesma antelación. O que dixen antes: Uxío e Suso, tal para cal.

A %d blogueros les gusta esto: