post

sunshine award [Dores]

Mandáchesme un carameliño envelenado, Dores; un agasalliño en forma de galardón que leva un nome que impacta: Sunshine Award.

Para comezar, o agradecemento por terte lembrado de min, Dores.

E, para seguir, a responsabilidade de designar as doce webs que propoño para o premio. En boa me metiches, Dores!

Escriben por aí que no mundo hai uns 300 millóns de páxinas web. Descartado velas todas, o que me queda é establecer algún criterio, e non necesariamente obxectivo, que oriente a miña escolla. Doulle voltas e máis voltas e máis voltas, e chego á conclusión de que os lugares que vou seleccionar han ter a característica común de ser espazos cos que manteño unha fonda relación emocional, ben sexa froito dunha conexión persoal cos autores/as, cos contidos… ou con todo xunto.

Queda explicitada a miña clave, Dores. Deixo nun segundo plano outras nocións como as de calidade, difusión ou frecuencia coa que as visito.

A lista, sen orde nin prioridade de ningún tipo:

Zeltia, que nunca está de volta de nada.

Harmonía, que me obrigou a manter aberto este chiringuito.

Augasdemarzo, fascinantemente oblicuo.

Sucos, o blog de Dores, ourego romeu menta.

Naturgalicia, quen mo ía dicir…

Mari de Piloño, polo afán de superación, a ansia de vivir e a falta absoluta de vergoña.

O cartafol dos silencios, por ese galo punkie que me mira.

Made in Galiza, hai que velo, hai que lelo.

Alberte Pagán, que me sigue abrindo camiños despois de tantos anos.

Eliseu, tan capaz de falar con erudición do Gran Hermano coma de Schubert.

EtiColmeiro, porque Suso fai que tamén sexa a miña casa.

Alex Ghalpon, porque si!

post

na copa do castro

Chegamos á parroquia do Castro cando comezaba a devalar a tarde.

Baixamos primeiro ata a estación de tren que tanto lles impresionou a Dores, a Zeltia e a Juanjo cando viron a homenaxe que lle rendiu Iván.

[e eu ben sei da enorme capacidade que ten Iván para despertar e transmitir emocións …]

Despois fomos á Copa do Castro, que está a un pasiño da vella estación. Subimos amodiño, gozando do paseo, da temperatura, da luz que ía amortecendo, do encontro. Carguei ao lombo a miña vella Canon, que case non uso por culpa das súas dimensións e do engorro das cintas miniDV, e propúxenlle a Dores que buscase un asento cómodo e que nos lese algo. Coloquei a cámara enriba dun trípode que mercara na Coruña nunha fermosa tarde de hai xa uns anos. Calquei no REC. E Dores leu.

Tamén en Vimeo [aquí]

A %d blogueros les gusta esto: