Nunca traballei moito neste blogue. De vez en cando vou poñendo un vídeo… e punto. Hai polo mundo blogueiros e blogueiras aos que o corpo lles pide máis, ou que teñen máis que contar ou eu que sei… O caso é que hai quen produce moito e quen, coma min, case nada. Por se fose pouco, teño tamén o defecto de non contestar case nunca os comentarios que a xente me vai deixando, o que me convirte nun cibermaleducado.
Por todas estas cousas e outras que non veñen ao caso tiña pensado deixar de alimentar este recanto, que xa me leva dado as súas boas satisfaccións e que cría xa un proxecto esgotado. Ademais, hai tantas bitácoras por aí circulando que esta miña podía morrer tranquila sen que se enterase case ninguén.
Comentei todo isto con Aura, a entusiasta creadora de Harmonía de Cores, que me confesou que ela tamén estaba a punto de facer o mesmo co seu blogue. Falamos e convenceume para seguir un pouco máis co meu humilde proxecto, se é que pode chamárselle proxecto e esto que eu fago; non sei. En todo caso, é un recunchiño que para min foi durante bastante tempo algo así como o meu propio ceo.
Hoxe non publico ningún vídeo meu, pero quero compartir con Aura e con todos e todas vós un traballo de Roberto Pérez Toledo que se titula, precisamente, Nuestro propio cielo. É un pouco “pastelero”, como apuntou o colega Eliseu, pero a min gustoume. Será que estou algo “bizcochón” esta tempada.
Unha aperta.
Comentarios recentes