post

O vendedor de enciclopedias

Entre as moitas vítimas que está a cobrar a expansión de internet e do dixital está a entrañable estampa do vendedor de enciclopedias. Cada vez que a vista me dá nun libraco titulado Galicia, esa desconocida (xa lle vale, non si?), lembro aquel día no que lle abrín a porta a un membro desa tribu urbana e cometín o erro de deixalo tomar asento no sofá. Unha vez dentro e instalado ás súas anchas no meu salón, o vendedor manexou a situación con solvencia e pouco traballo lle costou emplumarme aquel tocho a cambio duns cantos miles das miñas pesetiñas.

Nos últimos anos foi languidecendo a figura do vendedor de enciclopedias, ata o punto de que parece estar xa en franco perigo de extinción. Será por eso que me sorprendeu atopar un o xoves pasado no meu lugar de traballo. Viña ataviado como mandan os cánones, co seu traxe, a súa corbata e o seu maletín. A mirada e os ademáns, en cambio, non lembraban os do triunfador e asertivo vendedor de libros de antano. Nada deso; o home que me esperaba nunha esquiniña do corredor viña totalmente entregado, sabendo de antemán que non vendería nada. Era a viva imaxe da derrota.

Dixéronme que o atendese se tiña un minuto e accedín. Entramos nun despacho en compañía dun dos meus compañeiros e xa lle advertimos que andabamos moi pillados de tempo. Abriu o maletín e sacou uns catálogos sobados, un bloc e un bolígrafo parker. Dixémoslle que non comprabamos enciclopedias en papel e el respondeunos que o que nos traía era un revolucionario produto dixital pioneiro en Europa. “Tardei moito en vir porque agora estou eu só para atender A Coruña e Pontevedra. Antes eramos máis de trinta”, confesounos.

O produto que nos ofrecía era unha especie de Wikipedia de pago. Pedímoslle por cortesía que nola ensinase nun ordenador e dixo que non, que só podía amosarnos os catálogos. “Vendes unha enciclopedia dixital cun catálogo de cartón?”, díxenlle entre pasmado e divertido. “É a política da empresa”, escusouse antes de pasar ao ataque e espetarnos que “Planeta é unha entidade de prestixio que invertiu moito diñeiro neste proxecto, polo que a xente terá que confiar na calidade que sempre ofreceu”. Admirable estratexia. Despois sacou da chisteira un reprodutor de DVD portátil, dos que xa van quedando poucos, e empeñouse en poñernos un vídeo promocional da dichosa enciclopedia.

O tempo pasaba e os nosos compromisos laborais petaban literalmente na porta. O home, aínda sabendo que non vendería nada alí, seguía co seu despregue e deixou o tema económico para o final. Xa ninguén lle facía caso. Por fin marchou e acudín á reunión que tiña programada para esa hora. Ao rematar fun tomar unha infusión (boto en falta o café!!) e pensei nas veces en que actúo coma ese triste vendedor de libros, nesas ocasións nas que encaro os meus pequenos retos coa palabra derrota escrita na fronte, aínda que non leve traxe nin maletín nin bolígrafo de executivo… nin o DVD portátil.

Comments

  1. Moi boa a parodia de Gomaespuma.
    O vendedor levaba como media hora esperando, impaciente. Por dúas veces lle dixemos que non se preocupase, que a persoa que o tiña que atender, chegaría axiña.
    Coido que os compromisos laborais como ti dis, primeiro petaron á porta e despois decidiron entrar, en parte, como “operación salvamento”. Cando non pode ser, hai que aceptalo; pois non se podía mercar aquela enciclopedia dixital. Recordo a escena: o triste vendedor continuaba explicando coma se tivese que cuprir o programa ata o final, aínda que estivese seguro de que non podería convencer ao público. Polo menos, marchou coa satisfacción de intentalo. Máis sorte na próxima!
    Ti, non levas traxe nin bolígrafo parker, pero sí que es asertivo.

  2. Siador says:

    Creo sinceramente que ti non habias ter moito problema para vender algunha que outra enciclopedia…

  3. Anónimo says:

    Vaia co par de vendedores da curta,
    quedoume clariño… luuume!!!!
    Ó único que lle sego a dar voltas é:
    que demo pasa co café ?!
    Dous bicos.

    • xdafonte says:

      Co café pasa o seguinte: gústame moito moito moito, pero non podo tomalo por razóns digamos médicas.

  4. Anónimo says:

    Para gañar o euro, como en tantas situacións que chegan con ou sin aviso, fai falta moitas veces moito valor.Unha frase que me gusta e quizás por eso recordo tan ben. Soñei coa valentía como outros soñan co poder, coa riqueza ou coa saude”
    A min tamén me gusta moito moito o café, tampouco debería, pero…permitome tomalo.

  5. Vaia!, eu ós vendedores non lles deixo pasar da porta, se non véndenme algo por PENA!, joder.
    (E que eu cando tiña 18 anos tamén andiven vendendo “La Gran Enciclopedia Gallega” :))

    A reflexión do final do post…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: