post

Apañar e sementar

Mira que está facendo frío estes días, pero eso non é impedimento para que Esther e Pedro boten o pé fóra da casa e vaian facendo os traballos que tocan en cada momento.

No vídeo de hoxe podes velos apañando os vimbios e preparando un porraliño de leituga abonado tan só con esterco das galiñas e con borralla. O día que arrinquemos as primeiras follas para facermos unha ensaladiña será unha festa.

Comments

  1. Anónimo says:

    Que imaxes máis agradables,da gusto de comtemplar.
    O amor e a dozura ca que traballan…tamén a admiración coa que ti os gravas ten que ser ben fermosa,e todo xunto vale un imperio.
    Semella que a colleita será boa ,non pode ser doutro xeito!!!
    Botei en falta unhas folerpiñas de neve.Fai tantismo frio….
    Unha aperta

  2. A min gustaríame enlazar coas fermosas palabras do primeiro comentario (co seu permiso) e dicir que, despois de ver o vídeo, dan ganas de saír correndo a preparar un porraliño coma ese… Ben se aprecia que Esther e Pedro, desfrutan do seu traballo a pesares do frío. Xa nos ensinarás as leitugas, eh!!
    Por aquí si que tivemos folerpiñas e folerpas!
    Apertas

  3. alexghalpon says:

    Dá gusto ver traballar a teus pais, que elegancia! E tamén dá gusto que volvas producir vídeos, pois fasnos gozar con eles e márcasnos camiño para aprender a traballar coas imaxes. Bicos

  4. xdafonte says:

    Moitas grazas, amables comunicantes. Levaba tempo sen publicar nada no blog e sen facer vídeos persoais, porque dos outros, dos que che encargan para que botes unha man nesto e naquelo, deses si que fun facendo uns cantos nos últimos meses, todos eles gravados coa miña querida Canon XAH1.
    Este nadal completei o meu equipamento cunha videocámara máis pequerrecha (SONY CX-105e), desas que rexistran a información en tarxeta de memoria. Botaba en falta unha cámara de reducidas dimensións que fose doada de transportar e que pasase máis desapercibida, precisamente para poder recoller máis “ao natural” esceas como as que usei nestes dous últimos traballos.
    Ver traballar os meus pais é unha fonte da que non paro de beber. Gústame o amor con que se entregan a esas tarefas que levan repetindo anos e anos, unha entrega sen alardes, sen grandilocuencia, con bosta nas botas… Poderían ter sucumbido a aquelo de “custa menos se o compro que se o boto eu”, pero hai un lazo que os une ao traballo e á tradición que non queren romper. E que dure.
    Alégrome moito de que estas cousas tan pequeniñas que fago lle interesen a alguén. Alégrome e sorpréndome, debo engadir, porque ben sei que cos meus vídeos non estou marcando “camiños para aprender a traballar coas imaxes”, como di Alex Ghalpon nun comentario infinitamente xeneroso que, pese á súa flagrante inexactitude, lle agradezo. Eso si, gozo cando estou gravando e gozo tamén cando edito o material. Non pido máis.

  5. Mira tí de onde viñan as leitugas que acabo de ver noutro vídeo!
    🙂
    (e pode que se chego á xubilación -que cada vez nola poñen máis lonxe- volva eu ó mesmo sitio onde miña nai tiña un porral con leitugas; sucedíanse ou convivían cebolas, allos, tomates, pementos, guisantes, tirabeques… A tanto non aspiro, pero unhas leituguiñas e uns tomates, ¿eeeh?)

Trackbacks

  1. […] jon mematas Leituga Abril 3, 2010 A primeiros de xaneiro poñían a andar a semeteira (aquí) e a estas alturas, a pouco máis de dous meses desde aquela,  Esther e Pedro poden presumir dunha […]

Deixa unha resposta a Aura Cancelar a resposta