post

man con man

Cheguei alí coas mans nos petos. Con isto estou dicindo que non levaba cámara e que non tiña ningunha intención de gravar o recital. En realidade, creo que o que eu quería era ocupar un recunchiño, o meu recunchiño, e deixarme estar nel coma nun berce.

Sucedía que as poetas e a organización querían facer gravación do acto, pero non estaba claro se as cámaras que había por alí ían chegar para recollelo enteiro. Entón saín coma un foguete cara o coche e collín as cámaras e os trípodes e gravei o recital como mellor souben e puiden.

A sesión estendeuse bastante máis do previsto -ai, ese eterno problema!-, e notouse que na parte final xa había cansazo entre a xente. A este exceso contribuíu en grande medida o abondoso apoio audiovisual que utilizaron algunhas poetas, ata o extremo de chegar a convertirse, na miña opinión, nun obstáculo para o fluír da palabra e das emocións. Ademais, a tecnoloxía non estivo á altura: atascouse unha e outra vez e provocou constantes baixóns de ritmo. Un asunto para ter en conta noutras ocasións.

De todo o que vin e escoitei traio aquí unha regueifa entre Dores Tembrás e Olalla Cociña [elas xa aclaran que o que fixeron na súa intervención foi poñer a dialogar entre si as súas respectivas poéticas, pero eu estábaas vendo e pensaba que eran dúas regueifeiras moi ben levadas]

Tamén en Vimeo [aquí]

Off topic/ Un dos vídeos que se pasaron no recital titúlase Helena a escuras. Pareceume magnífico e púxeno no gúguel para saber máis. E cal é o primeiro resultado que san gúguel me ofrece para satisfacer a miña demanda? Nada máis nin nada menos que unha URL encabezada por este texto: Dónde tiene el Ford Focus el botón de apertura del capó? Boa pregunta.

Comments

  1. Valeu a pena que gravases. Dá gusto escoitar como dialogan-recitan as poetas.
    Graciñas, Xosé, unha vez máis, por compartir con nós.
    Bicos

  2. Inda que teño gana de ver [e escoitar] a Dores outra vez, e adorrro asistir a algúns recitais poéticos… esta vez non añorei perdermo, non polo que tí dis, se non porque eu estaba moi ben onde estaba… (ai!)

    Agradezo que colgaras o vídeo!

    [bicos en martes, nin te cases nin te embarques]

  3. Un gusto esta xente que fai as cousas con tanto agarimo, con ese entusiasmo tan sinxelo e tan forte ao tempo. Seica os gregos chamábanlle a iso “levar os deuses dentro”. E será, será…
    Un saúdo.

Deixar un comentario