post

JDownloader, un gran multiusos

No artigo anterior expliquei o método que sigo para descargar o audio dos vídeos de YouTube. Non me referín á descarga dos vídeos completos, porque para ese mester hai xa moitas solucións, pero nun dos comentarios pídenme que me ocupe tamén desa cuestión. Sexa, pois.

Se o que queremos é tan só descargar vídeos do portal de YouTube, o remedio máis simple é instalar un complemento que trae o navegador Mozilla Firefox chamado Download Helper. O camiño para habilitalo sería ir á Barra de menús –> Ferramentas –> Complementos –> Obter complementos.

Unha vez instalado o Download Helper, e despois de reiniciar o navegador, aparecerá o icono que sinalei coa frecha vermella. Normalmente terá esa apariencia gris, pero só fará falta que reproduzamos un vídeo para que se active. Daquela facemos clic no trianguliño invertido que ten á súa dereita e xa nos permite realizar a descarga. Sinxeliño de todo e sen necesidade de ter instalado ningún programa.

De todas formas, creo que as solucións máis utilizadas son as aplicacións específicas, tipo aTube Catcher. Descargámolas de internet, instalámolas e punto. Son moi prácticas, pero a min pídeme o corpo propor aquí algo diferente, máis potente e versátil. O meu candidato é JDownloader. Este programa non está deseñado especificamente para YouTube, senón para xestionar as descargas de quen temos conta de Megaupload, Rapidshare e similares [ese pracer de descargar unha peli en minutos, uffff!]. Con este propósito o instalei no seu momento, ata que un día comprobei que me descarga vídeo de moitas fontes: YouTube, Dailymotion, VimeoMetacafe. E non queda aí a cousa, porque tamén descarga audio de portais tan tentadores como Goear [intenta descargar audio de Goear doutro xeito e verás que non hai maneira].

Empezaremos descargando o JDownloader, por exemplo aquí. Instalámolo nun santiamén e xa estamos listos para descargar. Tede en conta que as descargas alóxanse por defecto nunha carpeta que está en Arquivos de programa\JDownloader\downloads. Pódese modificar esa ruta na opción Settings, e creo que non é mala idea facelo para fixar unha localización máis facilmente accesible.

Como descargo? Abrimos JDownloader [se é a primeira vez, agardamos pacientemente a que faga as actualizacións precisas] e despois imos a YouTube e buscamos un vídeo. Abrímolo e copiamos o seu enderezo [se temos dúbidas, prememos na opción Compartir e copiamos o que alí nos aparece]. Non é preciso que o vídeo se execute nin sequera que se cargue por completo.

Imos ao JDownloader, agardamos un anaquiño e atoparemos un panel semellante ao que recolle a imaxe: a opción Linkgrabber está activada e a ventá amosa as versións nas que está dispoñible o vídeo. Propoño que as descarguemos todas e xa escolleremos despois de velas. O único que temos que facer é premer co botón dereito sobre calquera elemento da ventá e escoller Continue with all. Pode que apareza despois un aviso para que lles deamos a nosa conformidade ás condicións do servizo; aceptamos e máis nada. Agora só hai que darlle uns minutos ao JDownloader e teremos as descargas no papo.

Podes facer a proba cos portais de vídeo que citei e verás o ben que funciona. E o que fai co Goear, un servidor de audio moi completo, é a guinda. No caso de Goear, a ligazón que debes copiar atoparala dentro dunha caixiña que leva o enunciado Comparte el enlace con el mundo.

Xa que pagamos a ADSL ou o cable, polo menos que dea rendemento, ou que?

Comments

  1. O que pasa de cando en vez says:

    Moitas grazas, Falabarato, veume moi ben o programa. É algo ben sinxelo e útil.Graciñas pola rapidez.
    Longa vida ó Falabarato!!!

  2. Áptera says:

    Outra sorpresa grata! Espero que non te pille o Ramoncín…

  3. Andrés says:

    Isto é jauja! Bo programa. Graciñas

  4. Bueno, estou con él [esperando as 758 actualizacións!] 😉
    A ver se fago todo ben!. [eu ás veces paguei en megaupload para poder descargar a esgalla, pero non tiña instalado este programa]

  5. silledense says:

    Teñen boa pinta estas últimas cousas que nos deixas. A ver se me dou maña para seguir as instruccións. Non será por falta de explicacións, desde logo.

  6. Comprobado que se descargan os vídeos de youtube, tenteino tamén en Goear.
    Probei a baixar “Dear Prudence”, non porque me guste especialmente, pero meteume gana de escoitala o poema XXIV de “Poesía última de amor e…, [Dear Prudence salferindo de música e de palabras a mesta luz do sol vestido de luxo dominical]
    Todo funciona ben, tal como tí explicas.

    Gracias, Falabarato!

  7. Eu tamén probei e sen problemas.
    Graciñas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: