post

inmersión

O post do día 2 recibiu varios comentarios pedindo un audio [e tamén un audi] do poema de Lois Pereiro. Non son eu ningún recitador nin nada parecido, pero aquí estamos en familia e apeteceume cumprir ese gusto. Quixera telo feito antes, pero estes días estounos pasando con certas molestias físicas que me levan da cama ao sofá e do sofá á cama. A parte boa é que estou dispoñendo de tempo para reler toda a obra de Pereiro que teño na casa, que son os libros Poemas 1981-1991 e Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995. Deste último poemario, que cada vez me impresiona máis, escollín o texto que hoxe leo:

A inmersión no silencio é o que distingue
ós que aman con espírito suicida
dos que somentes son
un soño breve.

Na viaxe nocturna que emprendemos
polo interior dun corpo diferente
un acto de amor é un fluído urxente
de suor bágoas e esperma
contra o medo

palabras desarmadas
desexos que se perden
na néboa de mil noites
entre as sabas revoltas
polo feroz presente
de dous corpos que esquecen.

PS/ Ben sei que pronto empezará a chegar información e máis información sobre a vida e milagres de Lois Pereiro, pero voume permitir recomendarche unha entrevista de Lupe Gómez a Xosé Manuel Pereiro, irmau de Lois, publicada hai uns meses no Galicia Hoxe [aquí].

Comments

  1. “A inmersión no silencio…”

    Grazassssss…
    Bicos do ano novo.

  2. Aí quedou eso !!!
    Sana prontiño que aquí, querémoste
    forte coma un carballo.
    Bicos curativos.

  3. Animácheste co do audio! [muller de pouca fe son eu]
    Moitas grazas por atender a petición do teu público
    😉
    pero despois de escoitar e ler, ler e escoitar, o que me nacía de poñer como comentario era un simple:

    “GLUPS!”

    E pode que con iso expresara moito máis ca coas extensas peroratas que deixo sempre.

    A entrevista á que nos enlazas pareceume entretenida e moi interesante. Deixanos ver a un Lois Pereiro moi perto, a través dos ollos do irmao: así sabemos que era sentencioso e ocorrente e fíxome gracia a frase Sempre estaba rodeado de mulleres e frikis[…] Mais a que me impactou foi ese escribo para que me queiran máis… en todo aparece esa fonda necesidade humana.

    Eu, que son da xeneración de Lois Pereiro, tamén ía polo Borrazás, ainda que non era das que paraba por alí; [tampouco podía estar moito porque me colocaba só de respirar un aire tan concentrado de fume de petas.] Pero cadráballe o ambiente do Borrazás a él, sí, podo imaxinalo perfectamente nunha das mesas do fondo, alí coas sua libretiña…

    Bueno, Falabarato co meu ollo chungo nesta noite insomne, dexésoche unha pronta e completa melloría.

    Bicos nocturnos.

  4. Anónimo says:

    Que sensación de paz a de escoitarte. Nesta tarde gris e triste, nostálxica, eu diría, xa que temos o termo, morriñosa, é unha delicia escoitarte. Obrigado.

  5. áptera says:

    Unha vez máis teño a sensación de que este poema non foi escollido ao chou.
    Bicos.

  6. “Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria”
    Epitafio que Lois Pereiro quixo para si.
    Precioso poema e preciosa voz.
    Un fermoso agasallo de Reis sen data de caducidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: