post

M.

Estes días tiven noticias de M. polo correo electrónico. Fálame da recente morte de seu pai, case nonaxenario, despois dunha agonía de varios anos. Por moi esperada que sexa, unha morte cociñada a lume lento deixa marcas, e o relato de M. ponas ao descuberto con claridade máis que meridiana. Dicir que me emocionou sería demasiado convencional.

Espero que M. non se enfade por traer aquí esta historia e por coller prestado un parágrafo do seu fermosísimo correo:

Ó final creo que era máis dependente eu del que el de min. A historia con meu pai éche algo ben curioso. Se tivera morto hai dez anos, pasaría a cousa sen pena nin gloria. Pero estes dez anos de demencia achegáronnos moito, curiosamente sen saber el xa quen era eu, só quería que eu o sacara a pasear, só quería que eu lle dera de comer, e só quería estar comigo.

Comments

  1. Merchi says:

    Un dos máis grandes consolos neste momento difícil é perderme nas aventuras do Falabarato, alegrarme con Iván e contigo negociando no concesionario, rirme do “Mematas”, alimentarme virtualmente con eses produtos frescos e revitalizantes de Cachóns e remover a nostalxia sacudindo a tea de araña dos vídeos daqueles primeiros tempos do Falabarato.
    Longa vida ó noso blogue!!
    Sempre.

    • xdafonte says:

      Pois ben que me alegra que este invento che dea ánimo, Merchi. É curioso: hai un par de meses estaba pensando en pechar a tenda, porque me parecía que non tiña xa nada que contar, e apareceu unha alma bondadosa das terras do Deza que me animou a seguir; desde aquela levo publicado máis que no ano e medio anterior. Non che somos nadiña…

  2. Anónimo says:

    Despois de tempo sin pasar por este camiño teu”, alégrame saber que aquí sigues, sempre queda algo que contar. Falar(tamén deste xeito) é unha forma de ver. Eu tamén te animo para unha longa vida!

  3. “Estes dez anos de demencia achegáronnos moito, curiosamente sen saber el xa quen era eu”.
    Que experiencia tan dura, Merchi! Moito ánimo, vale?

Deixar un comentario