Pedro colle unha variña e escaravella con ela no chan. A terra sae voando coma se fose cinsa.
Pónselle cara de circunstancias.
-Se non vén pronto unha reguiña, seca todo. Mira como agulletou o millo da veiga. Parece que está todo ardido. É unha pena.
-Pois a ver se chove un día enteiro, logo…
-Tal como está a terra, dígoche eu que un día non abonda. Mira para aquí [escaravella outra vez]: non ten lentura ningunha.
[Lentura (*). Outra desas palabras que xa case non escoito. Palabras que xa non se escoitan.]
O domingo pola noite, por fin, a chuvia. O luns pola mañá recibo un correo dunha persoa que manifesta a súa tristeza por culpa do mal tempo. En Cachóns, en cambio, a auga é recibida con alivio.
Pola tarde chove miudiño, como miudiño chove. Collo o paraugas e saio coa cámara. As pingas de auga nas follas, as maceiras vencidas polo peso do froito, os olores da terra húmida, as uvas maduras antes do seu tempo… Comprobo que a auga xa foi entrando na terra. Direille a meu pai que xa empeza a haber lentura.
Se pasas por aquí de cando en vez, xa sabes que teño costume de subir os vídeos a Vimeo e a YouTube. Creo que Vimeo dá un chisquiño máis de calidade, pero pode que sexa cuestión de prexuízos pola miña parte. Lembra que podes acelerar a descarga en Vimeo se desactivas a opción HD que hai no reprodutor. Para ver o traballo en YouTube, preme aquí.
(*) Lentura: Humidade que contén a roupa, os froitos ou a terra.





Falaron