Fixen a viaxe de volta co piloto automático posto. Seino porque non me acordo de nada máis que de ter cavilado sobre as misteriosas razóns ortográficas que fan que Urdangarin se pronuncie con til e se escriba sen ela, polo menos ultimamente.
Chego de noite, abro a cancela e peto na ventá da cociña.
-Quen é?
[Nunca contesto. Agardo a que abran as contras da porta para saber quen anda pola eira. Gústame a cara de sorpresa que se lle pon a miña nai cando non espera a miña visita]
-E ti, home, de onde vés?
-De traballar.
-Hoxe? A estas horas?
[E faime xestos de que estou tolo. E ofréceme pan, chourizos, ovos, un caldiño]
-O caldo non che é de hoxe, pero está moi xeitoso. Senta e póñoche un pouco.
[E por arte de maxia van aparecendo o prato de caldo, a táboa para picar un chourizo, o viño, o pan]
-Mágoa que xa non cozas, mamá…
Súmome á partida, eu que tan pouco amigo son de xogar ás cartas. Só xogan ao chinchón e van apuntando os resultados nunhas libretas vellas que lles levo de cando en vez. Fóra haberá frío [É o seu tempo...], pero aquí dentro case suamos por obra e graza da cociña de ferro. Quedará para a estatística -e para a historia- que a última partida do 2011 a gañou meu pai.
Marcho coa emoción a punto de neve. Alguén se entretivo debuxando no ceo un camiño de estrelas.





Feliz aninovo.
Bicos
Feliz ano!
Seguirémonos atopando!
Que a emoción te acompañe e poidas continuar debuxando estreliñas no ano que entra.
Así de pronto, antóllaseme afirmar que, sen dúbida, este é o mellor relato que escribiches aquí en todo a 2011; ben se nota que che sae do corazón!!
Feliz Ano, Xosé!
Bicos
[quédome con esa imaxe: o sorriso de túa nai ao abrir as contras... e ti agardando...]
Grazas por tanto que compartes e por axudar a retellar;-)
“O onte é historia, o mañá é un misterio e o hoxe é un “agasallo”. Por iso ós agasallos os chamamos PRESENTES” .
Un bo exemplo de como disfrutar desas pequenas cousas que pasan desapercibidas e que tanto ben nos fan.
Deséxovos a todos os amigos e amigas do Falabarato un ano cheo de presentes.
Contaches unha vivencia sinxela dunha maneira tan emotiva que me conmoveu.
Decátome do home tan afortunado que es,
non só por saber apreciar a ternura desas cousas miudas e darlle o valor tan grande que teñen,
ou por disfrutar aínda duns pais novos e con boa saúde [ninguén coma túa nai ou teu pai para alegrarse de verte]
se non tamén por ter a serenidade interior necesaria para que o pensamento, ao poñerse en automático, divague sobre tildes e urdangarins!…
…habería quen, nese momento, a dor, a pena, a preocupación, lle impedise disfrutar de nada,
ou a quen a ansiedade non lle deixase respirar…
habería quen nin sequera poida soñar que na noite fría hai un camiño de estrelas onde mirar.
Grazas por compartir, pola túa xenerosidade.
Eu, tan agradecida polas emocións que me viñeron de tí no ano que pasou.
E ogallá se xunten os meus desexos cos de todos os que te queremos para que este que vai empezar sexa un moi bo ano para tí.
[e non esquezas que cada duas zancadas poderosas compre un modesto paso melancólico.]
Bos días amicus:
E pra o remate…un caldiño…
- Fica meu amigo que un caldiño
non é nada,
mais ben posto con agarimo
seica teña
tempo e fermosura
da calidade do agasallo.
Xosé, ben me sabe ese caldo na cunca, canto mais tempo teña, coma o viño vello mais sustancia ten , coma isas parolas derradeiras do ano ao remate.
Boas noites, sexa un ano suave.
Moi bo ano para tod@s e esperemos que “a última partida” non sexa a “derradeira” e poidamos seguir vivindo (e contando) moitos mais relatos. O caso é que desta vez Urdangarin consigueu desbancar a Belen Esteban.
Feliz Aninovo, Falabarato e seareiros!
Magnífico!! As vivencias sencillas son as que realmente produce emoción. Os olliños da mamá cando aparecíches na porta- seguro que o seu corazón palpitou de contenta-
A comidiña caseira feita con cariño e ledicia, o calor da cociña de leña tan agarimoso e lento que fai adormecer como si un estuvera no colo, e os ollos vánse cerrando lentamente porque da unha sensación de paz, como si o corpo se relaxara completamente e non importase máis nada.
A partida de cartas, que aínda que non che gusta, lograches compartir con teus pais.
Que emoción, naturalidade, e tranquilidade se desprende de algo tan cotidiano vivido nunha cociña. BO TRABALLO, unha vez máis.
Oxalá estes momentos se repitan máis a miúdo, porque non hai coma o caloriño duns pais, e un camiño de estrellas que iluminen a vida e o corazón.
Gracias por compartir estas maravillas dónde expresas os teus sentimentos.
E como non, deseárche que neste ANO 2012 se fagan realidade todos os teus desexos.
Bikiños con cariño, Mari.
Longa vida a este Falabarato!
Boa cousa esa de chegar tarde de traballar, tendo en conta a que nos esetá caendo!
E esa partidiña de despois de pasar o día que ben senta. Xa pouca xente queda que bote as partidas aquelas tan emocionantes. Tempos! foi bonito revivilos.
Resolvendo a duda da ausencia do til de Urdangarin, decir que os apelidos vascos non levan. O raro é o til de Feijóo…
A min pásame o meso co meu nome verdadeiro. Co cho diga Zeltia.
Uns dicin na forma catalá e recalcan aguda o nome, mentres eu fártome de escribilo con tilde “llana”. Logo, eu escribo sin d o final e vese ben; pois nada, eles o ven así e lle suman unha d o remate. Somos parvos ou qué? A xente di: Madrizzzzzzz, cando se escribe con d no remate. Logo vouche eu e escribo Madrí con acento no i, e dicin que está escrito de xeito chulapo. ¿Mais si non sabedes pronunciar, qué queredes fillos de ?
Madrid comenza por m e termina por t.
Sonche cousas do demo.
Unha vez vin un home que dicía Arcorcón, e logo escribía tamén Arcorcón.
Iste é o comenzo dos idiomas e as linguas do mundo, a falta de “orella” e a vista sen gafas pra leelo….
Manda carallo vintenove…